quarta-feira, 5 de maio de 2010

A solución, por elevación

Semella que hoxe queda pechado o capítulo caixas. Pero seguramente non pola xuntanza de Compostela, Banco de España, caixas, Xunta, senón pola entrevista de Moncloa entre Rajoy e Zapatero.

Dende o principio, PP e PSOE, a nivel de Madrid, tiñan máis ou menos consensuado o futuro das caixas de aforros. Consenso que, xa se sabe, estaba baseado nun reparto da tarta.

Como en tantos outros asuntos, a inacción do goberno deixou que transcorrese o tempo sen avanzar case nada nesa estratexia.

A día de hoxe, coa solidez financeira do Estado Español máis que cuestionada nos mercados internacionais, é impensable que se poidan adoptar decisións de intervención en algunha entidade financeira, caixa ou banco, sen deteriorar aínda máis a imaxe externa de España.

Polo tanto, diante da evidencia do rápido empeoramento da saúde económico-financeira de algunhas entidades hai que executar xa algunha solución que, polo menos, permita gañar tempo.

No caso galego semella que a estratexia que inicialmente se barallaba en Madrid para avanzar cara a un SIP Caja Madrid, Caixa Galicia e CAM xa non parece factible.

Dado que aquí levamos traballado tanto o tema da fusión e que, guste ou non no sur, se ten conseguido unha significativa marea popular favorable a esta solución.

Dado que é urxente, non só para o goberno de Núñez Feijóo senón, sobre todo, para o goberno de Rodríguez Zapatero, escenificar unha saída.

Dado que con en esa saída se espantan, por un tempo, as pantasmas de intervención de algunha das dúas entidades.

Por todo isto, o máis probable é que nestes momentos, Rajoy e Zapatero estean decidindo que a mellor solución é a fusión equilibrada e igualitaria entre Caixa Galicia e Caixanova, forzada pola crítica conxuntura económica do estado e independentemente da súa viabilidade futura.

Se a curto prazo escampa a crise e o goberno de España é capaz de enderezar minimamente o rumbo, estarase a tempo de pensar en outras solucións máis eficientes.

Se non é así... qué máis ten.

4 comentários:

  1. "semella que a estratexia que inicialmente se barallaba en Madrid para avanzar cara a un SIP Caja Madrid, Caixa Galicia e CAM xa non parece factible". A minha leitura é um bocado diferente. Nada impede que a fusão Caixa Galiza - Caixa Nova dê passo a um SIP do resultante com Caja Madrid. O resultado, se não for o mesmo, pouco variará. Ou alguém pensava que Feijóo se estava a opor às diretrizes da rua Génova?

    Saúde

    ResponderExcluir
  2. Emprega unha calidade de lingua notable (alto) nos seus posts. Eu fun estudante de empresariais e sei das dificultades que temos xa só co léxico na nosa materia de estudo, por iso valoro moi positivamente a calidade, como dicía.
    Se moe permite, só suxiro a posibilidade de "endereitar minimamente o rumbo".
    Saúde. Obrigado.
    Xosé Ramón.

    ResponderExcluir
  3. Coincido plenamente Óscar, porque máis abaixo eu dcicía que: "a fusión equilibrada e igualitaria entre Caixa Galicia e Caixanova, forzada pola crítica conxuntura económica do estado e independentemente da súa viabilidade futura... Se a curto prazo escampa a crise e o goberno de España é capaz de enderezar minimamente o rumbo, estarase a tempo de pensar en outras solucións máis eficientes."

    ResponderExcluir
  4. Obrigado polo comentario amigo Anônimo, máis cando en materia lingüística son un simple afeccionado autodidacta. E por suposto, concordo con que mellor endereitar que enderezar. Cousas de escribir á présa...
    Saúde,

    ResponderExcluir

No faiado