sábado, 1 de outubro de 2011

Certificado de defunción (Galiza quere... saber)

Os titulares da prensa de hoxe constatan o fin da caixa de aforros galega, agás LVG que segue á súa bola, aínda que sexa difícil entender cál é.

Non pretendo hoxe, retomando este alicaído blog, reclamar que dende que aquí comezamos a escribir sobre este asunto, vai xa para dous anos (a primeira entrada sobre as caixas é do 25 de outubro de 2009), fóronse cumprindo, un por un, os prognósticos que fixo o Trasno, tanto no plano político, como no económico.
Insisto, non se trata hoxe de asomarnos aquí para lembrar que "xa volo dicía eu", senón de formular algunhas preguntas que a cidadanía ten dereito a que se respondan.

Primeiro, o goberno de Galicia debe dar conta do catastrófico resultado daquela estratexia que deseñou, Lei de Caixas no caixón incluída, para conseguir unha entidade financeira forte, galega e solvente, chamada a ser a quinta máis importante de España.
Segundo, alguén ten que asumir a responsabilidade de ter encargado, e realizado, aquela esperpéntica auditoría de KPMG que garantía, sen ningunha dúbida, a viabilidade do proxecto. Foi a única panca técnica ao redor da que se articulou todo o discurso económico.

Terceiro, non pode agora o BNG ironizar en preguntas parlamentarias, tratando de concentrar no PP e en Núñez Feijóo  toda a responsabilidade. Debería explicar o BNG as razóns, ocultas ou non, de por qué deu todo o seu apoio ao goberno do PP no proceso de fusión forzada.
Cuarto, deberían explicar o goberno de España, o Banco de España e Mafo a desastrosa xestión de todo o proceso seguido na reforma das caixas. Retrasos, dúbidas e sorprendentes cambios de rumbo incluídos.

Quinto, alguén debería poñer negro sobre branco, con total claridade, cales son os motivos polos que o que o xoves valía 1.714 millóns de euros, pasa a valer o venres 181 millóns de euros.
Sexto, a cidadanía ten dereito a saber qué razóns hai detrás da entrada de José María Castellano en NBC Banco.

Sétimo, Núñez Feijóo, no canto de lembrar viaxes a Cuba para tomar mojitos, debería explicar con claridade as nefastas perspectivas para a captación de inversores privados que constatou na recente viaxe a México acompañando ao presidente do Consello de Administración de NCG Banco. Só transcendeu a sensata valoración de Vázquez Raña: "comprar barato para vender caro, siempre es un buen negocio", que non deixa de ser un chute concentrado da máis pura lóxica capitalista, como corresponde.
Oitavo, os galegos deben saber, á vista de que ata o de agora a captación de capital privado é cero euros, se o obxectivo do novo Consello de Administración de NCG Banco é devaluar o máis posible o valor da entidade para que os potenciais compradores, no máis que dubidoso suposto de que algún día aparezan,  poidan tomar o control co menor desembolso posible.

Noveno, é preciso explicar cómo a antiga caixa -Novacaixagalicia- que achegou a NCG Banco 75.000 millóns de euros en activos, 1.100 oficinas e o 46 % da cota do mercado financeiro galego, terá unha ridícula participación do 6,84 % no capital de NCG Banco.

Décimo, os traballadores de NCG Banco e de Novacaixagalicia teñen dereito a saber cal é a folla de ruta que ten trazada o Banco de España na hipótese de que non aparezan, nin a prezo de saldo, os anhelados inversores privados.

Um comentário:

  1. Os únicos culpables están no consello de administración e nos concellos que foron os que permitiron que Caixagalicia se conviritise nunha inmobiliaria con Fadesa e as hipotecas basura.

    O mesmo para Caixanova con Massó e outras tantas promocións...

    ResponderExcluir

No faiado