segunda-feira, 21 de novembro de 2011

¿Unha persoa un voto ou ponderación territorial?

Abundan estes días na rede simulacións dos resultados electorais na hipótese de que no canto de aplicar un sistema de representación territorial, o modelo electoral español utilizase o criterio de proporcionalidade estrita, é dicir, unha persoa un voto. Como os resultados desas simulacións din que a abafante maioría do PP reduciríase dos 186 escanos actuais a só 157, xorden moitas reivindicacións de reforma do sistema para que se implante un modelo proporcional de xeito que o voto dunha persoa tivese exactamente o mesmo peso independentemente de cal fose a súa circunscrición electoral.

Efectivamente, un principio de igualdade democrática básica -que emana da Revolución Francesa- é que todos somos iguais diante do sistema político e, o que é máis importante, todos temos o mesmo peso na toma de decisións relativas aos asuntos comúns.

Sen embargo, este sentido numérico igualitario que contén o ideal democrático parece non cumprirse, nin sequera formalmente, nas democracias contemporáneas. En moitos reximens democráticos organízase a representación lexislativa -é dicir, a selección dos representantes- con niveles moi elevados de sobre-representación. Isto é, algunhas circunscricións teñen unha porcentaxe de escanos maior que a porcentaxe de poboación que reside nos mesmos. Neste caso non existe unha igualdade nos electorados, de xeito que uns teñen máis influencia que outros na elección dos representantes. Os votos dos cidadáns cóntanse de forma desigual.

Pero a igualdade de voto enfróntase a miúdo coa heteroxeneidade social ou co desenvolvemento desigual dos territorios. En algúns países, unha distribución da representación entre as circunscricións electorais conforme ao número dos seus electores convertería á política nacional na política das grandes metrópoles ou na política do centro, quedando as zonas periféricas, menos poboadas e xeralmente rurais, á marxe das decisións nacionais. Incluso algúns grupos sociais diferentes ou que constitúen unha minoría dentro do estado poden quedar completamente subordinados ás decisións do grupo maioritario (
Diego Reynoso: Representación territorial y democracia, México, 2004).

Por iso non deixa de sorprenderme que dende un territorio como é Galiza se reivindique unha reforma do sistema electoral para achegalo a un modelo estritamente proporcional. Aínda sabendo que en Galiza, de 23 escanos o PP gañou 15. Pero isto non deixa de ser un problema de socioloxía política, de autoidentidade dos propios galegos, ou das alternativas partidarias que se lle ofertan á cidadanía...

Um comentário:

  1. Sería tan sinxelo como pasar de circunscripcións provinciais a autonómicas:
    Partido Político: Antes –> Después
    PP: 186 –> 174
    PSOE: 110 –> 108
    IU: 11 –> 19
    CIU: 16 –> 15
    UPyD: 5 –> 12
    PNV: 5 –> 6
    AMAIUR: 7 –> 6
    ERC: 3 –> 3
    CC: 2 –> 2
    BNG: 2 –> 2
    GBAI: 1 –> 1
    FAC: 1 –> 1
    Compromis: 1 –> 1

    http://recuerdosdepandora.com/reflexiones/circunscripcion-electoral-hubiera-sido-autonomica-en-vez-de-provincial/

    ResponderExcluir

No faiado