segunda-feira, 23 de janeiro de 2012

Diante da XIII Asamblea Nacional do BNG

Como sempre fago ao comezar a escribir, coloco no word o galego como idioma por defecto do documento. Escribo asamblea e detéctame erro ortográfico. Recorro ao tradutor do google, escribo asamblea en español e premo o botón de traducir ao galego. O resultado pareceume asombroso. Google di que a tradución correcta do termo "asamblea" ao galego é "montaxe". Invito ao lector a facer a comprobación, para corroborar que non estou de broma.

Despois da sorpresa inicial, fico desconcertado. Non cabe dúbida que estas grandes empresas, como google, son líderes mundiais por algo. A saber os custos e o esforzo que tiveron que dedicar á investigación filolóxica para chegar á conclusión de que esta é a tradución correcta.

O máis importante é que a respecto do asunto sobre o que pretendo escribir hoxe aquí, a tradución que propón o google non deixa de ser acaída.

Gráfico 1. Resultados electorais do BNG medidos en porcentaxe de voto en Galicia.

O mellor resultado electoral do BNG prodúcese en 1997. O Gráfico 1, mostra como nas eleccións autonómicas dese ano se obtivo o 25,11% do total de voto. Nas Municipais de 1999 obtívose o 18,54%, e nas Europeas do mesmo ano 21,98%. Nas Xerais do 2000, tamén un bo resultado, o 18,62%. Nas Autonómicas de 2001, o 22,97%. A partir de aí, todo costa abaixo, a pesar de que en 2005 se consigue entrar no goberno da Xunta cun resultado claramente inferior ao de catro anos antes, o 18,89%.
Como dende 1997, e van xa 15 anos, non se deixa de perder apoio electoral, en todas e cada unha das convocatorias electorais, parecería obrigado aproveitar esta Asamblea 2012 para facer unha análise seria de cáles son as causas, e formular, en consecuencia, unha reorientación da acción política cara ao futuro. Iso que agora se chama un debate de ideas.
Lonxe disto, o que se está a desenvolver é unha batalla encarnizada por ver quen gaña a Asamblea e se fai co control do aparato.
A UPG está demostrando, nas asambleas comarcais, que sigue a ter o control da estrutura. E tamén demostrou, co nomeamento de Jorquera como candidato á presidencia da Xunta e de Guillerme Vázquez como voceiro nacional, que está moi por riba dos outros grupos en estratexia política. ¿Ou alguén dubida que esa é unha xogada maestra para, na hipótese de que se presente mal a Asamblea, ter cromos que cambiar?. A posible terceira candidatura de Movemento Galego ao Socialismo, ¿será outra xogada maestra da U?.
Enténdese o dos Irmandinhos. Tratan de construír unha alternativa. Pero advirten que se non se produce un cambio, iranse.
O de Aymerich e + Galiza, resulta máis difícil de entender. Nada que obxectar ao entendemento cos Irmandinhos. Máis difícil resulta aceptar que seica o Beiras é imprescindible para conectar cos mozos. E moito menos entendibles as últimas declaracións de Carlos Aymerich que, ao contrario que o Beiras, descarta calquera ruptura sexa cal sexa o resultado da Asamblea. E iso a pesar dos abandonos, por non compartir, de Táboas, Pérez Lema e outros. O único argumento debe ser que fóra fai máis frío. Ou sexa que están dispostos a ir aguantando así, de catro en catro anos, ata o esmorecemento final. E por suposto, calquera dos intercambios de cromos, aos que aludíamos antes, que propoña a UPG, con seguridade que sería aceptado.
En calquera caso, e para calquera das alternativas, o control do aparato dunha organización dividida en dous -ou tres- bloques con visións tan diferentes da acción política que debe desenvolver o nacionalismo, ¿para qué?.

2 comentários:

  1. Desculpade si me repito. No BNG xogase a facer país ou a facer partido??? Coido que non é o mesmo, nen a hora de plantexar nin a de executar. De nos depende, entendo.

    ResponderExcluir
  2. O da montaxe resulta francamente célebre. No sentido máis popular da palabra.

    ResponderExcluir

No faiado