sábado, 7 de novembro de 2009

AVE e intereses estratéxicos de Galicia

Levamos anos a voltas co tren de alta velocidade (AVE). Aínda non houbo un debate nin político nin social arredor de cales teñen que ser as achegas de tan importante infraestrutura á competitividade do país.

Non pasamos de reivindicar que a obra se faga canto antes e, iso si, se os da Coruña e Santiago van chegar a Madrid en menos de tres horas, os de Vigo non consentirán tardar dez minutos máis. As grandes demandas neste tema dos políticos, empresarios, sindicatos e cidadanía do sur de Galicia redúcense a esixir a liña directa Ourense-Vigo por Cerdedo.

Aínda non vin a ningún dos que se supón deberían ter como principal preocupación as estratexias económicas de futuro, poñer enriba da mesa cuestións tan decisivas como:

1. É máis conveniente unha infraestrutura exclusiva para pasaxeiros ou quizás fose mellor renunciar a ese plus de velocidade e contar cunha infraestrutura mixta de pasaxeiros e mercadorías?.

2. A conexión con Madrid colma as necesidades de conectividade de Galicia ou debería reivindicarse, pensando fundamentalmente na saída de mercadorías, unha conexión máis directa con Europa pola Meseta e o Val do Ebro?. Unha solución deste tipo daríalle coherencia á conexión Vigo-Porto, esta si de tráfico mixto, pero que sen saída de mercadorías dende Vigo cara a Europa pouco lle aporta á economía da Rexión Norte de Portugal, motivo polo que seguen vendo a conexión cara a Lisboa como a verdadeiramente estratéxica para eles (véxase un post anterior a este respecto).

3. Por qué se desperdicia a ocasión para conectar coa alta velocidade aos portos?. Podería ser a oportunidade de darlle algún sentido a obras tan cuestionadas como o porto exterior da Coruña ou o porto de Ferrol, á vez que se lle daría un pulo de competitividade ao porto de Vigo fronte a Leixoes.

4. Por qué non se aproveita tamén para introducir un pouco de racionalidade no sistema aeroportuario, incluído o Sa Carneiro de Porto? Este último, por certo, si terá conexión coa alta velocidade.

Se políticos, empresarios, cidadanía tivésemos claro cales son os intereses estratéxicos de Galicia e de que cousas vai depender a nosa competitividade como país e, polo tanto, o noso nivel de benestar, todos estes asuntos terían que estar debatidos e clarificados hai moitos anos.

Como non é así, non somos quen de elevar o debate por riba da sempiterna loita de localismos e da marcaxe ao veciño.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

No faiado