Mostrando postagens com marcador universidades. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador universidades. Mostrar todas as postagens

domingo, 26 de agosto de 2012

A luz das universidades e as nóminas que pagan

Hai tempo que veño lendo nas páxinas de opinión de LVG a Bermejo Barrera, José Carlos. Catedrático de Historia Antiga na Universidade de Santiago de Compostela, e dende hai un tempo opinante profesional. Entendendo que, en xeral nas universidades, e na Universidade de Santiago de Compostela en particular, haberá moitas cousas que criticar, sorprende, sen embargo, o seu teimudo e monocorde discurso, demoledor e destrutivo, a respecto de todo o que teña que ver coa universidade. E se é coa súa propia, peor. 
 
Máis que polas cousas que di, e pola autoridade moral que pode ter para dicilas, chama a atención o desapego, bastante común na función pública, que mostran moitos dos seus profesionais a respecto da institución que lles paga. 
 
Porque ao señor Bermejo quen de verdade lle paga é a Universidade de Santiago, non LVG. Cabería esperar, pois, que mostrase algo máis de lealdade á institución da que vive. En calquera actividade privada actitude semellante sería impensable. ¿Imaxínase o amable lector o que sucedería co posto de traballo e coa correspondente nómina, daquel técnico cualificado de Inditex, Citroën, Gadis ou Jealsa, que se permitise denigrar á súa propia empresa, un día si e outro tamén, nun medio de comunicación?. 
 
Esa defensa de posicións destrutivas e contaminantes por parte dos propios membros da institución, chámese universidade ou calquera outra entidade pública, só se explica porque o éxito profesional individual non depende do bo facer e dos éxitos da institución. Efectivamente, un investigador brillante pode triunfar aínda que a súa universidade sexa un fracaso colectivo. Sempre haberá institucións, públicas ou privadas, dispostas a fichalo. Pero iso só se cumpre no caso de investigadores prestixiados. Lendo o currícula do sr. Bermejo Barrera, semella que non é caso. Nin moito menos. Polo tanto, el ampárase única e exclusivamente niso que tanto denosta, o estatus de funcionario. 
 
Por iso estraña máis a súa crítica acerba a todo o que soe a universidades. En particular á Universidade de Santiago de Compostela. Hoxe, nun artigo que titula "La universidad de pocas luces", céntrase en ridiculizar os esforzos que a institución que lle paga está a facer para reducir custos que lle permitan seguir aboándolle a nómina. Non sei se as medidas que está adoptando a universidade son sensatas ou non. 
 
En calquera caso, si sería desexable un pouco máis de pudor, porque entre todos, están empezando a facer boa aquela histórica pintada, de cando andabamos polas aulas composteláns, que aseguraba que a universidade que da máis luz é a que arde.

sexta-feira, 22 de junho de 2012

A falacia do exceso de formación

As elevadísimas taxas de paro que estamos a sufrir, coa conseguinte falta de oportunidades de traballo para os mozos que se gradúan na universidade, están empuxando cada vez con máis intensidade aos nosos mozos cara á emigración. É difícil xa non ter algún familiar ou coñecido traballando en Alemaña, en Londres ou en Finlandia.

Cada vez son máis frecuentes as noticias de empresas europeas, alemás ou nórdicas, que veñen aquí a facer reclutamentos masivos de titulados españois.

Nesta situación, estase consolidando entre a cidadanía un discurso regresivo que, en síntese, ven a dicir que é un despilfarro dedicar tantos recursos públicos á formación universitaria. Estamos sendo vampirizados xa que o capital humano que formamos aquí contribúe a xerar riqueza neses países. Os mozos que non emigran están sobrecualificados para os traballos que teñen oportunidade de desempeñar. Temos demasiados graduados universitarios en relación ás necesidades do país. As universidades son fábricas de parados que se utilizan como estratexia política para conter as cifras de paro.

Este discurso está sendo aproveitado pola marea ultraliberal que nos arrastra para, coa desculpa da austeridade e dos imprescindibles axustes, reconverter a universidade, dende o modelo de servizo público que temos hoxe, a un modelo de universidade elitista, só para uns poucos. Arguméntase que sobran universidades públicas ao tempo que se fomenta a implantación de universidades privadas.

O que si resulta evidente, penso, é a necesidade de reestruturar a totalidade do sistema educativo para potenciar unha auténtica formación profesional, tantas veces intentado e nunca conseguido. Aínda que nos últimos anos, cos ciclos superiores, se ten avanzado un chisco. Un bo exemplo a seguir é o alemán, cun modelo de formación dual, escola-empresa. Si se lograse, contribuiría a reequilibrar o número de universitarios e o de persoal técnico plenamente capacitado para o desempeño dunha profesión de alta cualificación, como ocorre en Alemaña ou en Francia.


Gráfico 1. Porcentaxe de poboación con título universitario no segmento de poboación entre 25 e 64 anos.

O certo é que as cifras de titulados universitarios en España son máis ben discretas se nos comparamos con outros países da OCDE. O gráfico 1, mostra a porcentaxe de titulados universitarios no segmento de poboación entre 25 e 64 anos. En España, aínda que nos últimos anos, dende 1999 a 2006 -últimos datos publicados pola OCDE- se incrementou 7,4 puntos, seguimos tendo unha taxa discreta, o 28,5%. Aparte de Alemaña, 23,9%, e Francia, 26,2%, polos motivos que xa comentamos e que teñen que ver cos seus potentes modelos de formación profesional, só están por debaixo de España, Portugal, 13,5%, Italia, 12,9%, e Grecia, 22,2%.

Pola súa banda, o gráfico 2, representa a porcentaxe de poboación que, no grupo de idade correspondente, ingresa na universidade. En España en 2007, o 41% dos rapaces acceden á universidade, 6 puntos menos que no ano 2.000, consecuencia, seguramente, do éxito dos ciclos superiores de formación profesional, e tamén das meirandes oportunidades de emprego en pleno boom económico español. Este dato sitúanos só por diante de Suíza, 39%, Bélxica, 30% e o consabido caso de Alemaña, 34%. 

 

Gráfico 2. Porcentaxe, entre o seu grupo de idade, de mozos que acceden á universidade.

Así, pois, cunha taxa discreta de poboación adulta con formación universitaria e cunha aínda máis feble, comparativamente con outros países, taxa de ingreso na universidade, no futuro afastarémonos aínda máis dos países máis punteiros do noso entorno.

Independentemente da crise e das taxas de paro, tanto a nivel individual, como a nivel de país, o diminuír o esforzo en educación superior é renunciar a consolidarnos entre o grupo de países máis desenvolvidos social e economicamente.

A nivel individual porque, incluso nas circunstancias máis adversas, en que a falta de oportunidades aquí obrigue á nosa mocidade a emigrar, non é o mesmo emigrar cunha elevada cualificación profesional, que emigrar para ser carne de canón nas cadeas de montaxe alemás ou na construción, en Suíza ou en Francia, como faciamos nos anos sesenta e setenta.

A nivel de país, porque serán eses mozos con experiencia profesional en empresas de primeiro nivel os que contribuirán co seu retorno, a pouco que sexamos quen de saír do buraco negro no que nos atopamos, á súa verdadeira transformación, para convertelo definitivamente nun país realmente competitivo entre as economías máis desenvolvidas do mundo. 

quinta-feira, 21 de junho de 2012

Polo camiño da devaluación interna, ¿cara a ónde?

Un mal endémico da economía española é a súa escasa competitividade. Un bo indicador é o saldo comercial. No gráfico 1, móstrase a evolución histórica da taxa de cobertura das exportacións respecto das importacións. En 1986, ano da entrada na UE, as exportacións españolas cubrían só o 77% das importacións. No mellor ano da serie, 1997, a taxa de cobertura chegou ao 85,34%. Dez anos máis tarde, en 2006, en pleno boom económico español acadábase o peor resultado da serie, a taxa de cobertura era do 64,88%. A partir de aí, a medida que fomos afondándonos na crise, prodúcese unha paulatina recuperación da taxa de cobertura ata acadar en 2011 un 82,23%. 

 
Gráfico 1. Evolución da balanza comercial española (taxa de cobertura) 1986-2011.

Esta mellora da balanza comercial en plena crise, é a que anima aos apóstolos das políticas de devaluación interna, que se marcan como obxectivo gañar competitividade a base de reducir os custos internos, en especial os custos salariais. 

 

 
Gráfico 2. Custo por hora de traballo nos países da UE (2010).

Pero si analizamos, no gráfico 2, os custos salariais españois en relación aos dos restantes países da UE, podemos ver que España está por debaixo da media da UE-27 e moi por debaixo da media da zona euro (UE-17). En 2011, o custo por hora traballada en España é de 20,6 euros, mentres que a media UE-27 é de 23,1 euros e a da UE-17 é de 27,6 euros. Por citar algúns países concretos, en Alemaña o custo da hora traballada son 30,1 euros; en Francia 34,2 euros; en Italia 26,8 euros.

Se confiamos en mellorar a nosa capacidade competitiva á redución dos custos internos, nomeadamente os custos salariais, estamos intentando competir cos países que están á dereita de España no gráfico 2: Estonia, Chipre, Eslovenia, Portugal, Malta, República Checa, Eslovaquia, Hungría, Polonia, Romanía, Bulgaria...

Se queremos intentar competir cos países que aparecen á esquerda de España no gráfico 2, só poderemos facelo a través da innovación e o coñecemento.


Gráfico 3. Gastos totais de I+D en porcentaxe do PIB

Pero si analizamos, no gráfico 3, a comparativa dos gastos de I+D en relación ao PIB en España e en outros países do noso entorno, vemos que só superamos a Italia. En España en 2008 o gasto total en I+D era o 1,35% do PIB, mentres que en Italia era o 1,18%. En Portugal, por exemplo, estaban xa no 1,51%. E en Alemaña no 2,63%.

Dende 2008, en España os gastos de I+D foron 1,38% do PIB en 2009, o 1,39% en 2010. En 2011, consecuencia das medidas de austeridade e axuste, os gastos de I+D diminuíron un 4,1% respecto ao ano anterior, o que segundo os nosos cálculos equivale ao 1,30% do PIB.

Así pois, pola senda pola que imos nos últimos anos, con cada vez menos investigación, menos innovación e menos coñecemento, pero tamén, como consecuencia das políticas de devaluación interna, con custos salariais máis baixos, estamos condenándonos a xogar durante moitos anos na terceira división da economía mundial.

sábado, 8 de maio de 2010

Unha universidade para qué?

A necesidade de xerar avantaxes competitivas baseadas no coñecemento está asumida xa en todos os discursos, tanto políticos, como económicos. Todos entendemos que un país desenvolvido, como o noso, ou compite en formación, en investigación, en innovación, ou non ten ningunha posibilidade de manterse dentro do club de países ricos.

Tal como está deseñado o sistema de I+D+i e o modelo educativo de formación superior en España e en Galicia, a universidade pública é un instrumento clave, tanto na vertente da formación como na vertente da xeración de coñecemento.

Hai días que veñen aparecendo na prensa noticias sobre as vindeiras eleccións a reitor da Universidade de Vigo. Preséntanse dúas candidaturas. Ata onde eu puiden ler, debo confesar que había moito tempo que non vía nunha confrontación electoral dous modelos tan radicalmente contrapostos.

Un candidato, Salustiano Mato, do mesmo grupo do actual reitor, aposta por unha universidade ambiciosa, competitiva, internacionalizada, e que xogue un papel clave de dinamizador económico e social a través da transferencia de coñecemento. A universidade como panca fundamental para o desenvolvemento do país.

O outro candidato, Jaime Cabeza, fai unha proposta centrada na austeridade e na mellora das condicións de traballo do persoal da propia universidade. Unha universidade funcionarial, mirando cara a dentro, onde o máximo obxectivo é o benestar e a placidez dos privilexiados que teñen a sorte de traballar nela. Quizás esta mensaxe teña eco nunha parte dos votantes, pero dende logo, nunha situación como a actual, unha universidade enfocada cara a estes obxectivos sería un enorme despilfarro que o país non se debería permitir.

terça-feira, 27 de abril de 2010

Un honoris causa para Amancio Ortega

Sorprende o desapego que a empresa autóctona máis importante e máis internacional que temos en Galicia a respecto de todo o que ten que ver co país. E sorprende, na mesma medida, o desapego que o país ten a respecto da empresa autóctona máis importante e máis internacional que ten.

Ikea, cunha traxectoria en tantas cousas semellante a Zara (Inditex), fai bandeira do seu país e exhibe, con orgullo, as súas raíces suecas por todo o mundo. Pola contra, Zara semella máis ben unha empresa apátrida, sen a mínima referencia, nunca ás súas orixes.

Certo que Ikea, ao fin e ao cabo vende madeira e Suecia e un país de tradición forestal e boas madeiras. Quizás neso non haxa paralelismo co caso que nos ocupa. Pero máis alá diso, Ikea e Suecia xeneran sinerxías virtuosas.

Teño visto, por exemplo, nas tendas de Ikea produtos delicatessen suecos, ou publicidade turística dese país nórdico. Pensen, por un momento, que escaparate, as tendas Zara en todo o mundo, para as nosas mellores conservas de peixe. Ou que publicidade para as nosas praias e outras riquezas paisaxísticas.

Á súa vez, o goberno sueco presume de ter unha empresa como Ikea. Aquí, faise referencia a Zara ou a Inditex unicamente nas estatísticas de exportacións... e pouco máis.

Precisamos, como país, recuperar a Zara como bandeira da nosa capacidade empresarial e do que os galegos somos quen de facer.

Propoño, pois, como primeiro paso, que tome a iniciativa quen corresponda e, conforme a ese modelo de Galicia única que propugna o presidente Núñez Feijóo, se promova o nomeamento de Amancio Ortega doutor honoris causa pola universidade galega.

Si, dixen ben, universidade galega: unha universidade, tres pistas... ou sete pistas. Non sei moi ben cantas pistas lle corresponderán, porque así como nos aeroportos está claro: un aeroporto, tres pistas; e nas caixas de aforros tamén: unha caixa, dúas pistas; quizás nas universidades poderíamos aproveitar para darlle algunha pista a Lugo e a Ourense... probiños.

terça-feira, 10 de novembro de 2009

Universidade da Automoción: Tripla Hélice con só dúas pás (ou cunha pá de pega)?

Grandes titulares do Faro de Vigo anuncian a creación entre o cluster da automoción CEAGA e o MIT (Massachusetts Institute of Technology) da Universidade Corporativa da Automoción. Hai que engadir, para ser xustos, que os outros medios de comunicación falan de centro de formación, simplemente.

Ata aquí, pouco que comentar. O CEAGA pode desenvolver as accións que lle parezan oportunas. Iso si, debería coidarse de introducir confusión gratuitamente abusando da linguaxe.

O que sorprende é que a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía e Industria, participe nesta iniciativa financiándoa e comprometéndose a buscarlle unha sede estable, a cargo, imaxino, dos cacarexados 60 millóns de euros cos que vai apoiar ao sector.

Sorprende a implicación institucional da Xunta porque despois de todo o que se leva predicado estes últimos dez anos co modelo Tripla Hélice –en realidade, unha desafortunada denominación para referirse a unha hélice de tres pás: empresas, administración e universidades- como ferramenta imprescindible para o desenvolvemento endóxeno, resulta que nesta iniciativa, prescíndese dunha das pás da hélice, a universidade pública que, como é sabido, se financia a cargo dos orzamentos da Xunta de Galicia, para substituíla por outra foránea cunha deslumbrante imaxe de marca, o mítico MIT.

Agora ben, cando se lee polo miúdo, decatámonos de que en realidade o socio americano desa tan pomposamente denominada universidade corporativa non é máis que unha empresa –un spin off-, unha das tantas que o MIT crea para facer negocio co seu, seguramente merecido, prestixio.

Significa isto que o propio goberno galego non confía nas capacidades das súas universidades públicas, ou simplemente estamos diante dun exemplo typical galician de papanatismo extremo?

No faiado