quinta-feira, 19 de novembro de 2009

Caixas de aforros: segunda derivada

Intuíase que a enorme presión para que Caixa Galicia absorbese a Caixanova non era máis que o primeiro paso da gran operación deseñada en Madrid por PP e PSOE coa colaboración de MAFO (Banco de España) e Quintás (Funcas). O segundo paso sería a gran fusión, a curto prazo, CAM-Caja Madrid-Caixa Galicia (ou se queren mellor, a non nata Caixa Atlántica).

Diante dos atrancos que, fundamentalmente dende Vigo, se lle puxeron a esa primeira etapa prevista, agora con Rato en Caja Madrid necesitado dun golpe de efecto ao nivel do seu caché, empezan a moverse os peóns para facer directamente a gran xogada. Certo que se perde Caixanova para a causa, pero non deixa de ser un mal menor que sempre se poderá xestionar por outro lado -quizás polo lado do PSOE-.

En todo este tempo, Núñez Feijóo cargouse de argumentos para saír airoso sexa cal sexa a decisión que teña que tomar. En concreto, si como parece, finalmente ten que pregarse ás pretensións do PP, posición moi conveniente para seguir alimentando as súas aspiracións de suceder a Rajoy, ten fácil a explicación: foi imposible calquera outra alternativa debido á oposición frontal de Caixanova e do localismo vigués. Ademais, Caixa Galicia intégrase nun grupo realmente poderoso no espazo financeiro español, o que garante a súa solvencia para seguir a traballar a prol dos intereses de Galicia. Polo que respecta a Caixanova, valen parecidos argumentos: a súa integración noutro grupo de segundo nivel asegura tamén a súa continuidade e, probablemente incluso, cunha parte importante dos centros de decisión en Galicia.

A noticia de hoxe, de que o PPdG implica ao ministro Blanco na presión que o Banco de España está exercendo sobre Caixa Galicia para que acepte a integración con Caja Madrid e CAM, só pretende embarrar un pouco máis o campo. Visualizar diante da opinión pública algo por outro lado evidente, que esa saída obedece tamén aos intereses do PSOE.

Con todo, poden temer a reacción contraria da cidadanía galega diante dunha absorción real xa de Caixa Galicia por Caja Madrid, despois de toda a polémica montada ao nivel dos mellores derbys Celta-Deportivo, e que se serviu de algo foi para reivindicar a Selección Galega. Nese caso, sempre queda o subterfuxio de empezar con unha fusión virtual (SIP), como primeiro paso, esperando que amaine o temporal.

Quedaría aínda por xestionar o desaire a La Voz de Galicia, deseñadora primeira da absorción intragalega. Mais iso ten doada solución a través da factura de publicidade tanto das propias caixas implicadas, como da Xunta de Galicia e do Goberno de España. Pronto comezaremos a ver un cambio suave de posición nos opinantes profesionais do xornal do norte.

Todo apunta a que a decisión se adoptará no máis estrito oscurantismo, antes de que transcenda información veraz sobre a situación real de Caixa Galicia e Caixanova. Así é máis fácil.

En fin, unha demostración máis de cómo se fai política neste país. Antepondo sempre os intereses persoais (ou de partido) ao interese xeral -véxase un post anterior dedicado aos intereses estratéxicos de Galicia-.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

No faiado