quinta-feira, 26 de novembro de 2009

Cara ónde empuxa a intelectualidade galega?

Este asunto das caixas estase a converter en paradigma da pouca distancia que ás veces hai entre xogar o papel de intelectual comprometido co país, chamado a exercer de conciencia crítica da sociedade, ou ser simplemente un opinante profesional empuxando en cada momento na dirección que indica a liña editorial do xornal no que se escribe -aquilo tan antigo de que o que paga manda-, utilizar a posición para defender intereses máis espurios, ou acabar sendo simplemente un falabarato.

Outra evidencia que se está manifestando neste debate é a devaluación da economía como ámbito de saber e o pouco recoñecemento que se lle ten xa aos que se dedican profesionalmente a isto. Cada quen, cargado de razón, opina sen ningún fundamento, pero séntese lexitimado para sentar cátedra sen ter nin a máis remota idea de cáles son os verdadeiros argumentos económicos que está defendendo. Digo isto porque cando hai algún profesional que se atreve a discrepar da liña de acción que esa intelectualidade ten escollido, este si catedrático de economía –i.e. Xavier Vence-, nin se lle rebate, simplemente se silencia a súa opinión.

É máis fácil levar o debate ao mesmo nivel que cando se opina sobre fútbol, todos nos sentimos lexitimados para defender ou atacar posicións, todos somos adestradores, todos somos economistas, que ven sendo o mesmo. Acábame de chegar unha mensaxe desas de pásao, pásao, por unha grande e única caixa galega. Patético.

Fálase dunha gran caixa galega solvente como instrumento indispensable para o futuro do país, sen dubidar sequera se a fusión-absorción é a vía para chegar a ese fin. Non se cuestiona nada, simplemente se empuxa. Campo embarrado e a xogar.

Aínda que iso nos obrigue, algo insólito nese espazo de intelectualidade, a dicir que Feijóo o está facendo de cine neste asunto. Polo menos esta semana, a semana que ven xa veremos o que se di.

Por qué non se entra no fondo da cuestión dunha vez e esa intelectualidade non esixe información real da situación das dúas caixas. Con outras palabras, por qué non se esixe transparencia?. Por qué non se esixen valoracións técnicas –económicas- da viabilidade dos diferentes escenarios posibles?.

Ninguén se cuestiona ata que punto a fusión-absorción pode supoñer que definitivamente nos quedemos sen caixas. Así nos vai. En dous anos estaremos de novo buscando culpables cando, esa vez si de maneira definitiva, sexa Caja Madrid, o Santander ou o BBVA os que veñan co saco.

Ou será que unha parte desa intelectualidade tamén xoga a intereses localistas?. Terá alguén a ambición de conseguir por esta vía que o gran proxecto se sitúe en Compostela?. Se é así, que todo fai pensar que e o é, o seguinte partido Depor-Compos tamén promete.

Un país de verdade require unha intelectualidade que transcenda o papel de opinante e asuma a responsabilidade de ser, con criterio, con independencia, sen obedecer a escuros intereses, superando tópicos e rompendo clichés, verdadeira creadora de opinión.

Gustaríame unha intelectualidade traballando de verdade por un proxecto de país e menos enfangada en asuntiños... Tamén aquí, me temo, haberá que agardar un cambio xeracional. E será tarde.

Um comentário:

  1. Esquézase de semellantes pretensións, meu. Non lle pida peras a maceira porque nin pregandolle aa san roquiño. Este asunto do regalo que lle cae pola cara a caixagalicia, como o final, os que estamos en contra e desgraciadamente nacimos en Vigo, pois somoches uns apestados que so miramos o noso cu. Pero nos non necesitamos a ninguen para que nos veña a defender de semeñante "sinsentido". Temos unha directiva de caixanova que deixame abraiado coa sua postura de firme e augumentada oposición. O curioso é que os que lanzaron a consigna, o toten intocable, o axioma supremo, "galeguidade", uns clarividentes ferrolanos e lugueses e que utilizaron como propia os que estan incluso contra o estatuto galego e por su posto contra carquer cambio nel, os mangantes de toda a nación unidos baixo a tutela do dos Peares.

    Pero claro, esta postura de Gayoso e cia é personalismo, localismo e salvarse o seus garbanzos. Tamen decian de nos, cando o do Prestige, moitos da Costa da morte , eu diria demasiados como quedou probado nas elección seguintes, que eramos unha panda de drojadistos que lle iamos a sacar o chupe das peonadas traballando sen cobrar. E asi vaise facendo a nación....
    Saude.Alvarez

    ResponderExcluir

No faiado