segunda-feira, 23 de novembro de 2009

É viable o sector primario? Dous problemas de fondo, dúas oportunidades de futuro

Leva un tempo revolto o mundo do agro. Ao grave problema do leite engadíronse estes días as protestas pola abismal diferenza entre os prezos en orixe, para o produtor, e os prezos de mercado que ten que pagar o consumidor final.

O sector primario, aínda que foi perdendo peso de maneira espectacular dende hai 50 anos, representaba en 2008 o 4,06% do PIB galego, fronte ao 2,5 % para o conxunto de España. E en emprego, o 7,6% en Galicia, fronte ao 4,33% en España. Aínda tendo en conta a incidencia da pesca, moito máis importante para nós, estas cifras indican que a converxencia esixiranos un meirande adelgazamento do sector primario en Galicia.

Salvando tódalas distancias, os males do noso sector primario teñen bastante semellanza, na súa orixe, con aqueles dos que adoece tamén a nosa industria -véxase un post anterior referido ao modelo produtivo-. Por dicilo en poucas palabras, fomos incapaces de adaptar as nosas estratexias de produción aos novos escenarios competitivos.

A repercusión desa escasa capacidade de adaptación veu sendo compensada pola política de subsidios da PAC (política agraria común). A Unión Europea permitiuse o luxo, durante moitos anos, de manter -subsidiar- unha economía agro-gandeira-pesqueira con escasa capacidade competitiva nunha economía aberta. Prevaleceron criterios alleos, como o de fixar poboación ao territorio e, por qué non dicilo, o enorme poder de decisión de países con importantes intereses agrarios como Francia, e mesmo Alemaña, que impuxeron esa sobreprotección, tanto pola vía dos subsidios, como pola vía dos aranceles e continxentes para frear a entrada de produtos foráneos. Ao tempo que paulatinamente se ía provocando a redución da oferta pola vía dos incentivos ao abandono da produción por parte das pequenas explotacións.

Semella, sen embargo, que esa sobreprotección irá diminuíndo bastante rapidamente, na medida en que ese luxo resulte demasiado gravoso na situación de crise na que estamos, pola presión dos novos países na UE-27, e tamén porque a apertura dos mercados aos produtos procedentes de América, África e Asia é unha das vías imprescindibles de reequilibrio da economía mundial.

A progresiva apertura dos mercados á competencia de países terceiros, moito máis competitivos en custos, por ser países pobres ou en vía de desenvolvemento, irá forzando a reducir aínda máis a capacidade produtiva europea. Como xa se dixo, isto, ademais de ser eficiente dende unha perspectiva económica, é tamén xusto dende unha óptica global.

O noso agro debería irse preparando, pois, para un abandono progresivo da produción de todo aquilo que poida ser subministrado a prezos máis competitivos por países americanos, africanos ou asiáticos.

Qué nos quedará, entón?. Abandonar as estratexias de liderado en custos que viñemos seguindo historicamente e para as que non temos xa ningunha avantaxe competitiva, para centrarse nunha estratexia de diferenciación. Diferenciación en base a qué?. Orientando as nosas explotacións cara á produción ecolóxica, calidade e trazabilidade, para centrarse nos nichos de mercado de máis elevado poder adquisitivo e sensibles a unha alimentación sa, natural e de calidade.

O segundo problema-oportunidade ten que ver coa distribución. Un problema grave, que se ven acentuando ano a ano e do que moi pouco se fala, é a crecente concentración do sector da distribución en España, claramente oligopolista, o que facilita os acordos de colusión entre os axentes, incrementando así enormemente o seu poder de negociación, tanto augas arriba da cadea de subministro, fronte aos produtores, como cara abaixo, fronte aos clientes. Nesta situación, un sector primario disperso e desartellado (autónomos, microempresas e pequenas empresas), pouco ten que facer fronte a ese poder inmenso deses distribuidores.

Penso que en combinación coa estratexia de produción apuntada antes (ecoloxía, calidade, trazabilidade), é imprescindible traballar na constitución de canles de distribución vencelladas aos produtores e independentes dos grandes distribuidores.

Tanto a iniciativa privada, a través de cooperativas de comercialización, como a administración, teñen moito que facer neste ámbito. Sempre me custou entender por qué non hai, por exemplo, un canal de distribución propiciado polas confrarías que poña o noso excelente produto da pesca de baixura nos puntos de consumo -léase restaurantes, directamente- das grandes cidades do estado. Ese sería o camiño tamén para os produtos do agro.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

No faiado