segunda-feira, 30 de novembro de 2009

Algunhas ideas para un modelo económico na Galicia do século XXI (primeiro esbozo)

Hai preto de corenta anos que Xosé Manuel Beiras escribía “O atraso económico de Galicia”. Obra de referencia para todo o nacionalismo e para quen hoxe queira achegarse ao que foi a economía galega nos dous primeiros terzos do século XX, debuxaba a realidade dun país subdesenvolvido e dependente tanto política como economicamente.

Hoxe, aínda estando por debaixo da media española e da media da UE-27, formamos parte do club de países desenvolvidos e ricos. Galicia situaríase en 2008, tendo en conta o PIB per cápita, no lugar 29 dun total de 182 países. España está nese ranking no posto 25. Son datos do Fondo Monetario Internacional.

Aínda coas enormes avantaxes que esta posición de privilexio nos reporta, non podemos esquecer que España, e Galicia aínda máis, ten que facer o esforzo de adaptar o seu modelo produtivo a este contexto –véxase o post modelo produtivo sustentable ou longa noite de pedra-.

Apunto a continuación, de xeito moi esquemático, algunhas ideas básicas que, na miña opinión, debería desenvolver un goberno galego coa suficiente capacidade política -pero sobre todo coas ideas claras-, se queremos avanzar cara unha economía moderna e compatible co lugar xeográfico, social e político que ocupa hoxe Galicia:

1. Deseñar un modelo económico aberto tanto en termos de intercambios comerciais, como de capitais, como de recursos humanos. Sen restricións á mobilidade destes tres factores.

2. A base da prosperidade económica ten que ser un sector industrial sólido. Os escenarios imaxinados hai quince ou vinte anos que prognosticaban unha sociedade postindustrial, foron un gran erro. Hoxe está claro que os servizos ou dependen ou forman parte da produción industrial -que pode estar perdendo peso en emprego pero gañándoo en VAB-. A Estratexia de Lisboa establece como prioritaria a necesidade dun forte sector manufactureiro na UE.

3. O volume de Investimento Estranxeiro Directo (IED), e a difusión de tecnoloxía que se deriva da localización de empresas multinacionais é a base do incremento de produtividade en moitos países desenvolvidos. Un claro exemplo destes efectos é o impacto de PSA-Citroën en todo o sur de Galicia.

4. Para ter posibilidades de captar IED son necesarias infraestruturas axeitadas; poboación con elevada formación e cualificación; unha política fiscal agresiva -en Irlanda a taxa do imposto de sociedades segue a estar no 12,5%-; unha política activa, clara, decidida e especializada de captación e acollida. Un instrumento como o IGAPE -hoxe desaparecido- está chamado a xogar un papel decisivo. Debería prestarse especial atención a Brasil. As súas empresas terán, nos vindeiros anos, necesidade imperiosa de localizarse aquí para acceder ao mercado europeo, deberíamos estar preparados para competir con Portugal na captación dese IED. Recomendo ler o anterior post o milagre do tigre celta, verdade ou mentira?.

5. A deslocalización de empresas autóctonas cara a outras latitudes buscando melloras de custos en man de obra e recursos naturais, tamén da a posibilidade de acceder a mercados emerxentes e dinámicos. As economías emerxentes son non só produtoras e exportadoras, tamén son consumidoras e importadoras. É importante, pois, que as nosas empresas estean localizadas en Brasil, China ou India, por citar os exemplos máis relevantes.

6. Nos países pequenos, como Galicia, os mercados internos non permiten rendibilizar moitas daquelas actividades que requiren un tamaño mínimo eficiente demasiado elevado. Así, estas economías só terán éxito se son quen de capturar unha parte da demanda externa. Polo contrario, para un país grande, a defensa da cobertura e da capacidade de compra da súa demanda interna sería, de entrada, o problema fundamental.

7. Canto máis deficitaria é a balanza comercial, como é o noso caso, máis importante é o apoio á promoción da acción exterior e á internacionalización das empresas.

8. Fomentar unha transferencia tecnolóxica eficaz e efectiva en poucas actividades ben seleccionadas, a través do desenvolvemento de clusters e modelos tripla hélice, sempre co obxectivo de facilitar ás empresas estratexias de calidade e de diferenciación.

9. Gran esforzo en desenvolver todas as infraestruturas relacionadas coa loxística, especialmente portos e ferrocarril. Desto depende a nosa apertura ao exterior, non só a España, tamén a Europa e ao resto do mundo. Estas infraestruturas poden permitir o noso reposicionamento xeoestratéxico para pasar de ser periferia de Europa a centro do mundo Atlántico.

10. Un país pequeno, como Galicia, necesita especializarse e concentrar a súa produción en poucos sectores. Así o fan Finlandia e os países nórdicos. En xeral, en sectores intensivos en recursos naturais e en industrias de alto contido tecnolóxico, e estas escollas poderían ser un referente para Galicia. Un mercado doméstico pequeno como o galego reclama a necesidade de se internacionalizar selectivamente. Entre outras razóns, porque non imos poder dispoñer do stock de coñecementos necesario para unha estrutura produtiva moi diversificada e, ao mesmo tempo, competitiva.

11. Ademais, dende un país pequeno é difícil ser líder en custos (prezos), xa que o mercado interior non permite xerar as economías de escala e de aprendizaxe suficientes para fundamentar de maneira sólida esta estratexia competitiva nos mercados internacionais. A aposta ten que estar centrada en ofrecer todo aquilo que aumente o valor para o consumidor: innovación, calidade, mass customization, xestión do tempo,… Trataríase pois de especializarse, como país, en capital humano cualificado e en bens intensivos en capital tecnolóxico, e non en man de obra abundante e barata e recursos naturais que foron as bases da nosa industrialización no século XX.

Isto non pretende ser un programa económico para un nacionalismo galego moderno e orientado. Son só algunhas ideas que considero chaves para superar o anquilosamento que en materia económica vimos padecendo dende fai anos.

Outro día falaremos máis polo miúdo de algunhas das políticas que están contidas nas ideas anteriores. Por exemplo, necesidades en formación e capital humano, I+D+i, cooperación competitiva (clusters, tripla hélice), políticas para o dinamismo empresarial e o emprendedurismo, TIC's, financiamento empresarial, cohesión social, relacións laborais e políticas activas de emprego, políticas transversais (infraestruturas, comunicación, enerxéticas,...), selección de sectores estratéxicos, etc.

É fácil ver, analizando a acción de goberno da Xunta de Galicia, que eu non son o conselleiro de Economía e Industria.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

No faiado