sexta-feira, 4 de dezembro de 2009

Feijóo anuncia a fusión paritaria, equilibrada e en condicións de igualdade entre Celta e Deportivo

No último día que se había dado de prazo, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou a postura oficial do Goberno autonómico sobre a reordenación do sistema futbolístico galego. A Xunta quere a fusión de Celta e Deportivo, ao que se nega a segunda entidade, e vetará calquera alianza ou unión dun equipo galego con outro de fora. Pero ao falar de fusión, Feijóo formulou tres criterios que deberán presidir o proceso: igualdade, equilibrio e paridade.
Para impulsar a fusión, e gañar tempo e intentar vencer o rexeitamento do equipo do norte, o Goberno galego, tal como xa se tiña anunciado, encargou sendas auditorías externas, segundo Feijóo co acordo dos dous equipos, para destripar as contas das dúas entidades co obxectivo de certificar a "solvencia" da fusión que se propón.

A postura do Goberno galego supón un atranco para os plans do Deportivo da Coruña, pois o equipo do norte ven reiterando a súa total oposición a unha fusión co Celta e tense marcado como estratexia de futuro as alianzas con equipos de outras comunidades autónomas. E o que formula a Xunta é xusto o contrario, pois non só promove unha fusión das dúas entidades galegas, senón que ademais advirte de que vetará calquera operación con equipos foráneos.

No anuncio da postura do Goberno galego, Feijóo non aportou datos técnicos para xustificar a opción da fusión. Unicamente asegurou que esta alternativa é a que mellor respecta os criterios de galeguidade e solvencia e que apenas tería impacto no emprego, pois indicou que non faría falla despedir a ningún traballador e que bastaría con pactar as prexubilacións.

"A Xunta valora como alternativa que mellor concorda cos requisitos de galeguidade e solvencia, unha unión dos equipos galegos produto dunha fusión, equilibrada, igualitaria e paritaria das actuais entidades galegas. A integración conxunta é un proxecto viable, técnica e economicamente", declarou Feijóo onte, flanqueado polos líderes do PSdeG-PSOE, Manuel Vázquez, e do Bloque, Guillerme Vázquez, cos que previamente se había reunido.

O Goberno galego emitiu o seu veredicto ao resultar totalmente imposible que o Deportivo e o Celta coincidiran nunha estratexia común. "Non é posible que os dous equipos formulen unha única estratexia, un único informe e unha única vontade, pero a Xunta ten a obriga de posicionarse", comentou o titular do Goberno autonómico, decidido a impulsar a fusión, aínda que a última palabra téñena os órganos de goberno dos equipos, que son os que deben promovela, e ata o de agora o Deportivo manifestouse en contra.

Como os datos aportados polas entidades durante o proceso de negociación son dispares, a Xunta chegou onte a un acordo cos dous equipos para encargar sendas auditorías externas, unha due diligence, que "blinde" a solvencia da fusión. O pacto acadouse, dixo Feijóo, a primeira hora da mañá nunha reunión entre a conselleira de Facenda, Marta Fernández, cos directores xerais de Deportivo e Celta.

Éste é o primeiro paso da folla de ruta deseñada pola Xunta para impulsar a fusión, porque ese informe é un requisito inescusable que fixa a lexislación futbolística e que a Federación Española esixe para calquera proxecto de integración. "Esa auditoría externa, independente e imparcial servirá para certificar de forma exacta os datos aportados polos equipos á Xunta e así avalar con tódalas garantías económicas e financeiras esa operación", destacou Feijóo.

A fusión dos dous equipos galegos é, ao seu xuizo, a alternativa que supón "os mellores niveles de solvencia a medio y longo prazo", ademais de ser tamén a aposta do BNG e dos sindicatos.

"Non habería que recorrer a despedimentos, sería suficiente coas xubilacións anticipadas pactadas", argumentou Feijóo, e engadiu que tamén os empresarios están a favor da fusión porque é a alternativa "máis duradeira dentro do marco de temporalidade do mapa futbolístico español". "E só responde a un interese: Galicia", apostillou.

Neste contexto, recordou que a Xunta ten a tutela financeira de Celta e Deportivo e avanzou que exercerá o seu dereito ao veto de calquera fusión ou sistema de protección institucional (SIP) con entidades foráneas polo mandato parlamentario que lle obriga a garantir a galeguidade dos equipos galegos, é dicir que os seus centros de decisión permanezan en Galicia.

Precisamente, Alberto Núñez Feijóo subliñou que, no proceso de elaboración da súa proposta, o Goberno galego desestimou fusións con equipos de fora da comunidade porque non garanten o principio de "galeguidade" que, xunto á "solvencia", supoñen os dous pilares nos que se sustenta a súa decisión e que foron respaldados de forma unánime polos tres grupos parlamentarios.

Segundo explicou, a Xunta desestimou tamén un SIP con entidades foráneas, unha vía explorada polo Deportivo e que o Celta garda como o seu "plan B", pois mermaría "substancialmente" a necesidade de "autonomía" dos equipos galegos. O máximo mandatario galego nin sequera mencionou na súa intervención a proposta do PSdeG-PSOE de impulsar un SIP interno.

"A posición é moi clara, intentar seguir polo camiño da fusión igualitaria, paritaria e equilibrada", destacou o presidente da Xunta.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

No faiado