Así verbalizaba, nese invento diabólico que se chama twitter, un militante do BNG con responsabilidades orgánicas, o seu emocional suspiro de alivio ao coñecer os resultados na noite electoral.
En esencia, o mesmo argumento que se desprende da valoración dos resultados que hoxe fai Guillerme Vázquez. Mantemos os dous deputados en Madrid, salvamos os mobles. Análise conservadora e acomodaticia de quen non aspira a outra cousa que a manter a maquinaria -chiringuito- en funcionamento.
Para qué intentar explicar cómo cun PSOE en descomposición non se é quen de recoller ningún deses desencantados. Para qué entrar a analizar as causas da perda xeneralizada de votos. Para qué explicar cómo as series históricas van demostrando que se avanza decididamente cara a marxinalidade electoral -en practicamente tódalas cidades se está xa por debaixo do 10%-, como xa auguramos hai tempo neste blog. O importante é que a pesar do Tsunami azul se mantén a representación en Madrid. Misión cumprida. E non insista en preguntarme polos erros cometidos porque non houbo erros... (Guillerme, dixit).
Pobre balance crítico para unha formación política que historicamente se reclamaba transformadora, e antes revolucionaria. E que precisamente conserva ese nivel de votos grazas á fidelidade inquebrantable de moitos dos que se identificaban, hai anos, con ese ideal transformador e radical, e que hoxe manteñen o seu voto por puro sentimentalismo ou, o que é peor, por apego a unha determinada simboloxía.
Claro que vendo a proposta coa que o BNG enfrontou estas eleccións, o resultado é para estar máis que satisfeitos, porque realmente era "pa habernos matao".
Sen propostas, sen discurso, máis aló de vender o importante que é "ter deputados en Madrid". Sen liderado, con tódolos respectos para Guillerme Vázquez non ten ningunha das cualidades que se lle supoñen a un líder político. Sen practicamente ningunha cara nova na lista de candidatos. Ofrécese unha imaxe plana de proxecto esgotado.
É evidente que resulta imprescindible e urxente un amplo debate ideolóxico. Neste blog temos escrito algo sobre as incongruencias do discurso no actual contexto (remitimos ao lector, se lle quedan azos, a algunhas das entradas de hai tempo clasificadas no tema nacionalismo).
E tampouco vale, por extemporánea, e con todo o afecto para Xosé Manuel Beiras, a reacción a touro pasado dos críticos de dentro, sexan irmandiños ou máis Galiza...
Non nos "hemos matao" de milagre, pero leva camiño de morrer de morte natural...
Gostei da análise por isso cha colho citando a fonte claro é. Apertas
ResponderExcluirhttp://revoltairmandinha.blogspot.com/2011/11/fue-pa-habernos-matao.html