segunda-feira, 14 de novembro de 2011

Se non queres caldo...

Non precisabamos ler a Krugman, nin as súas recorrentes comparacións con California, para entender que a unión monetaria europea era pura entelequia se non viña respaldada por unha verdadeira unión económica e unha política fiscal común. Sabíase dende o principio.

Sen embargo, a favor da corrente do ciclo expansivo da economía avanzamos cara a unha integración monetaria pura. Ao tempo, os estados membros moi celosos da súa soberanía, no canto de progresar cara a unha paulatina integración económica e, polo tanto, inevitablemente tamén política, e cara a unha política fiscal común, contentáronse con desenvolver unha pseudo estrutura política a nivel europeo cara á galería pero con moi escasos efectos reais.
Se a esa ausencia de ferramentas de política económica a nivel europeo, engadimos a presión que sobre o euro ven exercendo a política monetaria estadounidense, dende o momento mesmo en que aparece a moeda europea, eran bastante fáciles de prever as dificultades que, a pouco que se ralentizase o crecemento económico, máis pronto que tarde, acabarían por xurdir na Zona Euro.

E nesas estamos. Como non existen verdadeiras estruturas políticas e económicas a nivel europeo, que poderían terse construído con bases democráticas, aqueles estados membros que sistematicamente se negaron a ceder soberanía e capacidade de decisión, aceptan agora, sen rechistar, non só que sexa Alemaña a que impoña a política económica -e fiscal- que hai que aplicar en cada país, senón tamén, o que é máis grave, que se fagan reformas express das constitucións nacionais, ou mesmo, como se acaba de ver en Grecia e Italia, que se poñan en suspenso os principios democráticos máis elementais e se acepte a substitución do primeiro ministro democraticamente elixido por un tecnócrata nomeado a dedo, que teña, iso si, o visto bo de Alemaña.
Nada que non estivese xa descontado na sabedoría popular. Se non queres caldo, dúas cuncas.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

No faiado