Xa temos escrito aquí algunha que outra vez que o twitter é un invento diabólico. Na noite de onte, coa noticia da morte de Fraga Iribarne, aparte dalgunhas semblanzas notables, aínda que resultaba demasiado evidente que estaban escritas e revisadas hai semanas, por certo excelente a de Hermida en El País, e curiosa, cando menos, a de Barreiro Rivas hoxe en La Voz de Galicia –un trallo hixiénico, diría eu-, o máis interesante estaba nas redes sociais, nomeadamente no twitter, onde se verten emocións e sentimentos a bote pronto sen a mínima reflexión sobre a súa conveniencia ou repercusións futuras, mesmo no plano individual.
Foron abondosas as consabidas sentenzas, máis ou menos enxeñosas, que teñen como único obxectivo facerse o simpático, e outra ringleira importante de comunicacións que lembraban o pasado franquista do persoeiro, entre as cales destacaban un bo número delas que citaban con nomes e apelidos a moitos represaliados e que lle imputaban os crimes ao falecido.
Pero sobre todo, asistimos a unha serie de twitters viscerais do fillo -cabe a posibilidade de que sexa un impostor, pero non ten trazas- dun dos máis estreitos colaboradores de Fraga Iribarne na súa etapa de presidente do goberno de Galicia. Durante un tempo o delfín predilecto do patrón, chamado a sucedelo, ata que o Prestige se cruzou no seu camiño.
Pois ben, onte o fillo twitteou en directo todos os seus recordos e pensamentos a respecto do falecido, expresando neles toda a carraxe acumulada durante anos.
Non dubido que teña motivos máis que suficientes para ese resentimento. Porque para cada quen un pai, sobre todo si está morto, é o máis íntimo e sagrado.
O que xa non teño tan claro é a conveniencia, moito menos a utilidade, de difundir eses pensamentos tan sinceros e persoais a través dun trebello como o twitter.
Si o fixo como estratexia para facer público, deste xeito tan sui generis, un cambio na súa posición política, paréceme unha elección, cando menos, extravagante.
Si, como quero crer, obedece simplemente á imposibilidade de controlar o calentón, aínda que desculpable dende unha perspectiva persoal, di moi pouco a favor das súas habilidades para actuar no escenario político.
Aínda que tamén cabe a posibilidade de que el mesmo tivese xa descontada a súa participación activa na política e se tratase, simplemente, dun xesto de honradez consigo mesmo.
En calquera caso, se non existise o twitter quizás tivésemos algún motivo menos do que nos arrepentir pasado un tempo.
Nenhum comentário:
Postar um comentário