quarta-feira, 6 de junho de 2012

Novagalicia Banco: escenarios de futuro

Neste blog temos escrito moito en relación a todo o proceso de fusión das caixas de aforros. Ultimamente, sen embargo, aínda que os acontecementos dannos numerosas oportunidades para lembrar que os nosos prognósticos iniciais vanse cumprindo punto por punto, a preguiza e o aburrimento fan que só moi esporadicamente volvamos sobre este asunto.

Do estoupido do caso Bankia, que supuxo o colapso do sistema económico español, a día de hoxe só se sabe que sobre os 4.500 millóns de euros que o FROB ten investido xa, necesita 19.000 millóns adicionais,. De momento ninguén concreta de ónde van saír os recursos necesarios, aínda que cada vez semella máis claro que directa ou indirectamente sairán do Fondo de Rescate Europeo (eufemisticamente Fondo Europeo de Estabilidade Financeira).

Dado que ninguén discute xa que existen evidentes concomitancias entre Bankia e as outras entidades nacionalizadas ou intervidas, parece oportuna neste momento algunha reflexión acerca das alternativas de futuro que se debuxan para Novagalicia Banco. A día de hoxe só contemplamos como factibles tres escenarios:

1. Que se fusionen nunha única entidade (Bankia) todas aquelas outras que están intervidas ou nacionalizadas (Novagalicia Banco, Catalunya Caixa e Banco de Valencia). Desta maneira, a inxección necesaria do Fondo de Rescate Europeo pasaría dos 19.000 millóns de euros a unha cantidade entre 40.000 e 50.000 millóns de euros. Aínda que non se descartan futuros sustos que proveñan de outras entidades, a curto prazo tería a avantaxe de que nunha sola operación -económica e política- se solventarían os problemas que agora mesmo están á vista. Estou seguro que os traballadores de Novagalicia Banco, realmente a única cuestión realmente relevante a estas alturas é salvar o maior número de empregos posibles, valorarían positivamente esta solución. Un asunto adicional, do que ninguén fala, pero moi preocupante, é o futuro dos centos de traballadores que permanecen no que agora se chama Fundación Novacaixagalicia. A solución para Novagalicia Banco debería incluír a estes traballadores.  

2. Que non se proceda á fusión e que cada unha das entidades intervidas ou nacionalizadas se manteñan como independentes, pero que se lles aplique, a cada unha delas, a mesma solución que finalmente se lle aplique a Bankia. Respecto ao escenario anterior, ten o inconveniente de que dende o exterior se estaría visibilizando un rosario de axudas ou rescates á banca española dende o Fondo Europeo de Estabilidade Financeira, co conseguinte custo político e non sei se tamén económico. Ademais, a estabilidade do emprego non sería a mesma que no caso anterior.

3. Que unha vez solucionado o caso Bankia, problema dunhas dimensións moito maiores que o que supoñen as outras entidades, se compliquen as concesións de axudas adicionais por parte do Fondo Europeo de Estabilidade Financeira, e se pechen esas entidades. Aínda que a día de hoxe este parece un escenario remoto, non sería totalmente descartable.

O que si semella evidente agora mesmo é que ningunha das outras alternativas, que en algún momento se barallaban, teñen xa practicamente ningunha posibilidade de materializarse. Lembremos:

1. Daquel leitmotiv que inicialmente movía aos que de boa fe promovían a fusión de Caixa Galicia con Caixanova e que consistía en crear, por fin, unha entidade financeira forte, galega e solvente, xa ninguén fala.

2. Do plan A da actual dirección de Novagalicia Banco -o tándem Catellano González Bueno- que consistía en recapitalizar a entidade conseguindo inversores galegos -ou oriúndos-, despois do estrepitoso fracaso do primeiro intento no que nominalmente se conseguiron 70 millóns de euros, pero que realmente eran só 40 millóns de euros ao descontar os 25 millóns que se lle entregaron en accións ó empresario Añón para saldar unha parte da débeda que a Corporación Caixa Galicia tiña contraída con el, xa ninguén fala.

3. Do plan B da actual dirección de Novagalicia Banco que consistía en captar inversores internacionais -fondos de inversión- aos que se pretendía que o FROB ofrecese un Esquema de Protección de Activos, xa ninguén fala.

4. Da solución que consistía en subastar a entidade para que fose adquirida a prezo simbólico por algunha entidade solvente -Santander, BBVA ou La Caixa-, ao estilo do que ocorreu coa CAM e o Banco de Sabadell, e que moitos pensaban que sería unha solución doada -na que nos nunca acreditamos-, xa ninguén fala.

5. A idea na que estes días teima o nacionalismo, tanto o BNG como algún economista teórico da súa órbita, e que consistiría en que dado que hai que inxectar diñeiro público na entidade, aproveitar para convertelo en banco público galego -algo así como unha nacionalización autonómica-, pero con recursos do Estado ou de Europa, non pasa da categoría de ocorrencia.

Non se trataba neste post de revisar os motivos de por qué se chegou ata aquí. Iso é materia para moitos artigos, pasados e futuros. Hoxe só pretendiamos albiscar cales son as posibilidades reais de futuro para Novagalicia Banco.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

No faiado