sábado, 9 de junho de 2012

Pasou o que tiña que pasar

O interese do goberno é que o debate se centre na polémica de si isto é ou non é un rescate. Si debería ser Mariano Rajoy e non Guindos o que dese a nova. Ou si o presidente asistirá mañá, contradicindo a Casillas, ao primeiro partido de la roja na eurocopa. Vendo como ferve o twitter con cada un destes asuntos, está acertando de pleno.

O realmente importante do que ocorreu hoxe é que nos converteron a todos os cidadáns en avalistas da débeda que os bancos españois, todos os bancos españois, teñen cos bancos europeos e americanos. Vostede, amable lector, acaba de asumir hoxe a responsabilidade de garantir 2.200 euros desa débeda.

Nada novo, por outra parte. A nosa clase empresarial, tan ultraliberal cando se trata de reformar a lexislación laboral ou cando se trata de privatizar servizos públicos, entendeu dende sempre que os beneficios do negocio son privados, pero as perdas deben ser públicas. Isto vale para as concesionarias de autoestradas, para empresas eléctricas ou para a banca.

Pero chegado ao punto ao que chegou a banca española, o conxunto do sistema capitalista mundial non podía aceptar outra solución que a que hoxe se adoptou. De aí as presións sobre o goberno español do eurogrupo, do BCE, de Alemaña, do FMI ou do propio Obama.

Por iso resultan bastante infantís os argumentos que se poñen enriba da mesa para evidenciar que o goberno español non soubo xogar as súas bazas políticas, no sentido de que podería tensionar ao máximo a situación xogando coa ameaza de colapso do euro e, en consecuencia, da propia Unión Europea. De facelo, a resposta dos nosos "socios" sería brutal. Así que pasou o que tiña que pasar.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

No faiado