sexta-feira, 1 de junho de 2012

Tirarse ao monte

Agora que xa estamos á beira do abismo, hoxe a prima de risco chegou ata os 547 puntos para pechar en 533, e o diferencial do tipo de interese co bono alemán está no 6,6%, o Ibex35 rozando os 6.000 puntos, parece que empeza tomar forza a idea de que mellor saírse do euro.

Nos xa escribimos aquí hai tempo sobre cáles serían as consecuencias: ¿O corralito como solución?, non grazas. A máis abondamento, recomendo ler hoxe en El País: No queremos volver a la España de los 50.

Os impulsores desa solución están dicindo de maneira máis ou menos explícita que a culpa de todos os nosos males a teñen Europa e os "mercados".

A realidade é ben distinta. Do buraco negro da banca española -de momento Bankia, Catalunya Caixa e Novagalicia Banco, pero sairán máis- non ten culpa nin Europa nin os mercados.

Da falta de seriedade nas contas públicas, pasando dun mes a outro, dun déficit do 6% ao 8,5%, e do 8,5% ao 8,9% -falta por contabilizar aínda a debacle municipal- non ten culpa Europa nin os mercados.

Da política económica pedestre que ven aplicando este goberno e o anterior, non ten culpa Europa nin os mercados. Un goberno serio non pode retrasar tres meses a presentación dos orzamentos co único obxectivo de intentar gañar as eleccións andaluzas. Con cinco millóns de parados, non pode facer unha reforma laboral que, coa única pretensión de darlle gusto á patronal, favorece o incremento do desemprego. Non se pode aplicar unha reforma fiscal en contra de todas as recomendacións que viñan de Europa. Non se pode presentar hoxe mesmo como un éxito o equilibrio orzamentario das comunidades autónomas, sen ter en conta a transferencia de 5.000 millóns de euros que lles fixo o goberno central.

E sobre todo, na situación desesperada en que se encontra a economía española, non se pode buscar a confrontación con Europa, xogando de farol.

Nin se pode desenterrar o ¡Gibraltar español! do franquismo, tratando de espertar o nacionalismo español máis primario, ao máis puro estilo Cristina Kirchner.

Semella que, desbordados pola situación, están poñendo en marcha xa todo un proceso de lavado de cerebro colectivo para que, chegado o momento, aplaudamos todos a decisión de tirarse ao monte.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

No faiado