quinta-feira, 9 de agosto de 2012

¿A qué se dedica a oposición?

A estas alturas é unha obviedade que a estratexia do Partido Popular para gañar as eleccións estaba baseada exclusivamente na crítica demoledora e destrutiva de todas e cada unha das accións do goberno de Rodríguez Zapatero.

Non contaban cun diagnóstico realista de cál era a verdadeira situación económica do país, non tiñan programa de goberno, e moito menos un plan de actuación, unha folla de ruta, co que intentar reverter a situación económica.

Pensaban, inxenuos, que a simple substitución dun goberno totalmente desacreditado, dentro e fóra do país, como era o de Rodríguez Zapatero, por un goberno conservador, formado por políticos experimentados, e cun moi amplo respaldo popular, sería suficiente para gañar credibilidade institucional, xerar confianza e, así, acabar coa incerteza da Unión Europea e a presión dos mercados sobre a débeda pública española.

Á vista está que esa optimista previsión non funcionou. Fundamentalmente, porque eles mesmos se desacreditaron, despois da publicación do famoso decreto de medidas urxentes do 30 de decembro, ao adiar a elaboración dos orzamentos do estado ata despois das eleccións andaluzas. A partir de aí, toda a cadea de desastres económicos xa coñecidos: crise de Bankia, débeda autonómica, descontrol do déficit …, que converteron a este goberno en mero executor das decisións que sobre a economía española se toman en Bruxelas, en Berlín, ou no Fondo Monetario Internacional.

Pero, nestes oito meses de goberno de Mariano Rajoy, ¿qué ten feito a oposición política?. Nada diferente ao que facía o PP cando gobernaban outros: crítica destrutiva de todas e cada unha das accións de goberno. Cunha diferenza fundamental, a ampla maioría coa que conta o PP minimiza o seu impacto real.

¿Alguén coñece un plan económico sensato, unha folla de ruta diferente á do goberno, que teñan elaborado as forzas da oposición?. ¿Alguén ten escoitado formular algún debate serio sobre as posibilidades reais que existen para tentar mudar o actual escenario?.

¿Ten claro a oposición que a única posibilidade realista é seguir na zona euro ou estanse valorando decisións alternativas?. ¿Cando se fala de políticas de reactivación e crecemento, alguén ten escoitado algunha proposta concreta de cómo facelo?.

Non. Semella que o único que realmente preocupa aos políticos da oposición é atopar accións moi efectistas buscando o titular e o aplauso, sobredimensionado polas redes sociais, dunha cidadanía que maioritariamente semella estar aínda na preadolescencia.

Eu non quero deputados, nin alcaldes, que contribúan con accións infantís a deteriorar, aínda máis do que xa o está, a credibilidade institucional. Eu quero deputados para traballar nos parlamentos formulando propostas que intenten solucionar problemas, non para asaltar supermercados.

2 comentários:

  1. Parabéns polo blog teu, que levo lendo desde que o abriches. Non concordo con todos, mais algún pareceume moi suxestivo, como o d'A falacia do exceso de formación. Non entanto, neste de hoxe, ao falares de "oposición" creo que non deixas claro a quen te refires. Creo que é unha etiqueta que engloba a moitos grupos, moi diferentes entre sí.

    Un saúdo.

    ResponderExcluir
    Respostas
    1. Grazas polo comentario Fumador. É bo que non concordemos en todo, o contrario sería preocupante.
      No de hoxe refírome intencionadamente en xenérico a "oposición", porque penso que, en xeral, todos os grupos adoecen de falta de proxecto para buscarlle unha saída á situación en que nos atopamos. Aínda que, por suposto, uns teñen máis responsabilidades que outros.

      Excluir

No faiado