segunda-feira, 31 de dezembro de 2012

Paciência, a fichaxe máis acaída

Sempre gustei da retranca de Lendoiro. Pouco dado a substituír adestradores, só toma a decisión cando está no límite e non queda outra. Agora é o caso. Co equipo na última posición da táboa -faroliño vermello, se dicía antes-, a unha semana, ou menos, de que o club entre en concurso de acreedores, o cambio de adestrador estaba cantado. Non só polo que poida supoñer de revulsivo no aspecto deportivo, que algún efecto terá, senón, e sobre todo, para desviar a atención da figura do presidente que é en realidade o máximo responsable deste descalabro deportivo e económico no que se debate dende hai anos o Deportivo, e cobra por elo. Ata aquí todo normal.
 
O que pon de manifesto a fina ironía do presidente é a elección do novo adestrador. Un tipo que se chama Domingos Paciência. Toda unha mensaxe para o deportivismo. Nos tempos que corren, non queda outra que ter paciencia. Paciencia sobre todo os domingos para dixerir os resultados deportivos. Paciencia o resto da semana para ir asimilando o carrusel de desastrosas novas económicas que se aveciñan no club e que La Voz de Galicia se encargará de magnificar. E se non a hai paciencia, cómprase, pensou o presidente.
 
Mágoa que o tal Paciência sexa só adestrador de fútbol. Tal como vai a cousa, precisaríamos moreas de Paciencias. Para enfrontar este 2013 que xa está aí ameazante, moito mellor nos iría cun Paciencia de conselleiro de economía ou cun ministro de facenda tamén Paciencia.
 
Pero Paciência só hai un. E fichouno Lendoiro.
 
Saúde e Paciencia...

Nenhum comentário:

Postar um comentário

No faiado