domingo, 25 de outubro de 2009

Caixas de aforros: cuestión de tamaño?

Non se pode admitir que un medio de comunicación deseñe as estratexias políticas e económicas de Galicia. Sobre todo cando ese medio ten uns obxectivos manifestamente localistas. Medio país séntense agredido.

Os mesmos que defendían unha xestión profesional nas caixas de aforros, presionan despois para que o goberno galego interveña e controle esa xestión.

Sen ningún argumento serio trázase unha estratexia para conseguir que a caixa do norte absorba á do sur. O informe Moody's, feito público fai uns días, sitúa ás dúas caixas galegas ao mesmo nivel. Admitindo que a situación das dúas entidades é delicada, como a do resto do sistema financeiro español, non se entende cales poden ser os beneficios dunha hipotética fusión, máis aló dun adelgazamento brutal tanto en número de oficinas como de empregos, adelgazamento que probablemente tamén sexa inevitable por separado.

En canto ao argumento de que a fusión da acceso aos fondos do FROB, aparte de que hai outras fórmulas para beneficiarse do mesmo, non deixa de ser unha solución a curto prazo que, a pouco que se prolongue a crise -escenario máis que probable-, situaríanos en moi pouco tempo nunha situación moito máis grave que a actual.

O tamaño como argumento competitivo en si mesmo tampouco se sostén. Non hai máis que ver como funciona o sistema de caixas de aforros alemán e a escasa dimensión das entidades que o conforman.

Outro asunto é a avaliación do traballo profesional dos dirixentes de ámbalas dúas entidades, salarios e cambios estaturarios incluídos. Pero isto require un comentario en si mesmo.

En definitiva, a Xunta de Galicia debe intervir con decisión para avanzar cara unhas caixas de aforros máis públicas e máis galegas, pero non necesariamente cos criterios que predica o xornal do norte.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

No faiado