sexta-feira, 23 de outubro de 2009

El Faro de La Coruña, La Voz de Vigo

Propoño que os dous xornais máis importantes de Galicia fagan un troco parcial das súas cabeceiras.

O xornal do norte traballa dende fai tempo cunha clara vocación de converterse en estratega do país. Véxase senón o enorme esforzo que ven facendo en asuntos como as eleccións autonómicas, o concurso eólico, o porto exterior de A Coruña, aeroportos, Gaiás, caixas de aforros, facultades de mediciña, ... A maneira de traballar é sempre metódica e exhaustiva, con grande despliegue de medios, longas misivas do seu dono incluídas. É neste sentido no que lle sería máis acaída a cabeceira de Faro de Galicia.

Porén, non estando mal que un medio tente poñer en valor a súa influenza, o que si resulta fraudulento é revestir de interese xeral de país o que non é máis que un localismo coruñesista exacerbado. Os obxectivos prefixados en tódalas campañas que citabamos son sempre a defensa dos intereses da cidade herculina. Sería pois máis clarificador que a súa cabeceira finalmente fose El Faro de La Coruña.

Ao xornal do sur a súa actual cabeceira quédalle manifestamente grande. Nunca pretendeu guiar os destinos da cidade, máis aló de asuntos como o fútbol. Simplemente xoga o papel de altofalante de determinados poderes fácticos locais, preferentemente económicos. E se no medio de calquera polémica hai que cambiar de liña editorial e de obxectivos, no mellor estilo marxiano, cámbiase. É neste sentido no que lle viría máis acaído chamarse La Voz de Vigo.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

No faiado