segunda-feira, 9 de novembro de 2009

O milagre do Tigre Celta, verdade ou mentira?

Irlanda foi o primeiro país da zona euro en entrar oficialmente en recesión. Cunha caída do PIB en 2008 próxima ao 8%, e con previsións de reducións do 9% para este ano. Unha taxa de paro que se situou no 8% en 2008 e que nestes momentos está xa por riba do 12%. As previsións, sitúan a deflación en 2009 en valores por riba do 5%. Os tres grandes bancos do país tiveron que ser rescatados polo goberno. Estes son só algúns datos do panorama desolador que dende hai un ano vive a economía irlandesa.

Á marxe da crise financeira internacional, as causas deste repentino declive irlandés son esencialmente dúas: o estoupido da burbulla inmobiliaria –moi semellante ao que ocorre en España- e á deslocalización de empresas multinacionais, principalmente cara aos países do Este de Europa.

A constatación desta situación de crise debe tirar por terra o mito do Tigre Celta? Debemos creer que o milagre irlandés tiña os pes de barro? Debemos pensar, con certo desdén que non é tan fero o tigre como o pintaban?

Algún xornal galego dedicou hai uns meses un longuísimo especial, publicado por espazo de cinco días, a dar conta de todas as desfeitas que estaba a provocar o desastre irlandés. Cun certo sonsonete de fondo que viña a querer dicir: tanto como nos venderon o fenómeno irlandés, tanto como nolo teñen posto de modelo a seguir, e mira ti... que trompazo se están metendo –a gargallada que seguramente viría despois non se escoitaba no xornal, pero case-.

Unha cousa é coñecer e recoñecer os desastres a curto prazo que está causando a crise en Irlanda, e outra, moi distinta é negar o enorme desenvolvemento logrado nos últimos 25 anos por este país.

Irlanda ten moitas semellanzas socioculturais e históricas con Galicia. Tendo unha superficie que duplica a de Galicia, nos anos sesenta do pasado século tiña ao redor de 4 millóns de habitantes, un millón máis que Galicia. Culturalmente, máis aló do idioma que nos diferenza, existen moitas coincidencias. Son dous países cunha fonda tradición católica, eminentemente rurais -a pataca segue a ser aló e acó un elemento básico da gastronomía- e xeograficamente afastados e mal comunicados. Si, Irlanda tamén é fisterra atlántica, e por riba é unha illa. Os dous sufriron as consecuencias da fame e das pandemias no século XIX e como consecuencia, a sangría da emigración. Cunha diferenza importante, vista en retrospectiva, nos emigramos a Sudamérica e eles fixérono a Norteamérica.

Nos anos setenta a renda per cápita irlandesa era moi semellante á galega. En 1981, na Europa dos Doce, Irlanda era o país máis pobre da CEE. E en 1986, coa entrada de Grecia, Portugal e España, Irlanda só superaba en renda per cápita a Grecia e Portugal, situándose por baixo de España. Ou sexa, era o terceiro país máis pobre da Europa dos Quince.

Irlanda é hoxe o segundo país máis rico en renda per cápita da UE, despois de Luxemburgo, e superando xa a Dinamarca, e o cuarto do mundo. Con espectaculares taxas de crecemento do PIB nos últimos quince anos –medrou a taxas próximas ao 9 % anual na década dos noventa- e cunhas taxas de paro entre as máis baixas da UE.

Cales foron as causas deste espectacular desenvolvemento?.

Apertura de fronteiras aos capitais estranxeiros, ao comercio e á man de obra. Irlanda é hoxe unha das economías máis abertas do mundo. Esta apertura convertiu a Irlanda nun centro de atracción de empresas estranxeiras. Establecendo tipos impositivos moi baixos no imposto de sociedades –do 12,5% o máis baixo de toda a UE-, e cunha moi potente Axencia de Desenvolvemento Industrial, dedicada á captación de IED (Investimento Estranxeiro Directo), incentivou a localización alí de compañías estranxeiras, especialmente estadounidenses e relacionadas coa alta tecnoloxía e a industria informática. Así o saldo neto en Investimento Estranxeiro Directo supera os 4.000 millóns de dólares.

Unha forte inversión en educación. Sendo receptora neta de fondos europeos dende o seu ingreso en 1973 por ser, como xa de dixo, o país máis pobre da Europa dos doce, foron quen de crear un sistema rexional público de escolas técnicas –similares á nosa formación profesional- orientadas ás habilidades tecnolóxicas, á informática e á enxeñería. Tamén o sistema universitario é público e o acceso ao mesmo é independente das condicións económicas dos estudantes.

A política orzamentaria. Como case que todos os países europeos, Irlanda viviu durante os sesenta e setenta una desmesurada política de expansión do gasto público que supuxo continuos déficit e que chegou a acumular una débeda do 127 % do PIB. Nun primeiro momento, nos anos oitenta, este esaxerado desequilibrio corrixiuse cun aumento dos ingresos, pero dende 1987 a política fiscal centrouse sobre todo en frear o gasto, representando en 2001 o 30,6% do PIB, seguramente o máis Baixo de Europa.

A todo o anterior hai que engadir unha man de obra anglófona, o que supón un gran atractivo para as multinacionais estadounidenses e, en xeral, para as empresas de todo o mundo. A importancia do lobby irlandés en EE.UU. que facilitou moito a localización en Irlanda de multinacionais americanas. A proximidade xeográfica ao Reino Unido e aos principais portos europeos, nomeadamente Rotterdam.

O resultado foi que Irlanda é hoxe un dos meirandes centros tecnolóxicos do mundo. Logrou converterse en plataforma de exportación das principais multinacionais informáticas e farmacéuticas -Intel, Microsoft, Oracle, Lotus, Pfizer, Merck, American Home Products e IBM- cara a Europa, África e Asia. Unhas mil cen empresas multinacionais instaláronse no país nos últimos anos, exportando en conxunto por valor de 60.000 millóns de dólares. Irlanda exporta un terzo de todas as computadoras que se venden en Europa e, o que é aínda máis sorprendente, é o meirande exportador de software do mundo.

A pesar de crise que, como se dixo ao principio alí comezou uns trimestres antes que en España, en 2008 o PIB por habitante foi de 143, 1 en SDPA (Standar de Poder Adquisitivo. EU 27 = 100), é dicir, máis de 43 puntos por riba da media europea. A taxa de paro foi do 8,7%, e tivo unha balanza comercial cun superavit de 30.000 millóns de euros.

Xa me gustaría a min ter acadado para Galicia, nestes vintecinco anos, un nivel de desenvolvemento lixeiramente parecido, aínda que fose a costa de ter que sufrir agora conxunturalmente unha crise un pouco máis aguda.

É unha evidencia, pois, por moito que lles pese a algúns, que o milagre do Tigre Celta existiu.

4 comentários:

  1. MOI bo artigo,xa quixeramos ser pobes coma iles, para min seguen a ser un bo exemplo para Galiza.Saudos

    ResponderExcluir
  2. Parabéns trasno.

    Son un grande defensor de tomarmos a Irlanda como referencia, non como modelo acrítico, para o desenvolvemento de Galicia, partido de todas as semellanzas que ti apuntaches. É por iso que teño falado sobre Irlanda con moita xente e só vexo dúas cousas:

    1)Desdén do que ti falabas.
    2)Envexa pura e dura.

    Moi boa contextualización e explicación de que, malia os efectos da crise económica, Irlanda non voltou a 1930.

    ResponderExcluir
  3. Coa pouca xente que se atreve a comentar aquí, agradécense moito comentarios tan positivos. Grazas

    ResponderExcluir

No faiado