quarta-feira, 20 de janeiro de 2010

Creación e desaparición de empresas: a crise noutra dimensión

É habitual medir os efectos devastadores da crise a partir dos datos de desemprego. O reverso da mesma moeda, que soe comentarse con menos frecuencia nos medios, son os datos relativos á constitución é disolución de empresas.

Hoxe saía en La Voz de Galicia un breve comentario a partir do informe Demografía Empresarial que elabora a consultora Informa D&B.

A noticia, sen embargo, conten algúns erros de bulto -ao menos na versión web-, sobre todo nos datos referidos ás empresas que cesaron a súa actividade no ano 2009. Unha vez que perdemos tempo contrastando as cifras, animámonos a escribir esta breve nota.

Táboa I. Evolución do número de sociedades mercantís constituídas e disoltas en Galicia e en España. 
Como se pode comprobar no gráfico 1, o ano de maior número de empresas creadas foi 2006. Nos anos seguintes a caída é importante. A redución en 2009 respecto a 2008 é do 30% para Galicia e do 25% para o conxunto de España (véxase a táboa I).
 
Gráfico 1. Evolución do número de empresas creadas e pechadas en Galicia

Igualmente, a partir de 2006 increméntase ano a ano o número de empresas que cesan na súa actividade. O incremento de 2009 sobre o ano anterior é do 30% para España.

A redución é aínda máis significativa, se cabe, polo que respecta ao capital investido. Unha redución en 2009 do 42% para España e do 81% para Galicia.

Todos estes datos reflicten ben a agudeza da crise durante o ano que acaba de finalizar.

No gráfico 2, analizamos como evolucionou o peso relativo de Galicia respecto ao conxunto do Estado. En todos estes anos, o noso volume de creación de empresas móvese entre o 4% e o 4,8% do total español. Lémbrese que o noso PIB, representa ao redor do 5,1% de España.

Gráfico 2. Evolución da creación de empresas, do capital investido e dos peches de empresas en Galicia en % sobre o conxunto de España

A nosa taxa de disolución de empresas en relación ao total español foi en todos os anos superior á taxa de creación -oscilou entre o 4,5% e o 7,6%-.

Por último, o volume de inversión moveuse sempre en porcentaxes moi inferiores aos do PIB -entre o 2,5% e o 3,7%- coa excepción dos anos 2007 e 2008, especialmente este último, en que alcanzou valores excepcionalmente altos, se ben hai que ter en conta que en 2008 o capital investido no conxunto de España redúxose un 43% en relación ao ano anterior.

Aínda sen entrar a analizar polo miúdo o tamaño das empresas creadas, estes datos poñen en evidencia que as nosas capacidades de emprendemento empresarial son máis febles que as da media do Estado. Feito que, inevitablemente se ve reflectido na calidade do noso tecido empresarial.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

No faiado