Quizás a principal utilidade política da auditoría presentada onte, nun virtuoso exercicio de xeración de sinerxías, sexa tapar, en parte, o previsible éxito da folga do ensino e da manifestación de hoxe en Compostela en defensa do idioma.
Porque no que atinxe ao problema das caixas, a verdade, poucas novidades aporta. Ao menos iso é o que se desprende do power point da conselleira de facenda, xa que o texto íntegro da auditoría non se fixo público.
Diciamos que poucas novidades aporta, entre outras cousas porque os datos principais, fondos FROB, peche de oficinas e prexubilacións, xa os tiña adiantado hai tempo La Voz de Galicia.
Afirmar que a fusión é viable e que a entidade resultante será solvente con previsións de beneficios a seis anos vista, sen explicar con claridade quen vai asumir os mortos de Fadesas, Coloniais, etc. non deixa de ser un exercicio de voluntarismo.
Aínda na hipótese de que esa opción fose efectivamente viable e solvente, sería conveniente que a auditoría deixase en claro que é a opción máis viable e solvente de todas as posibles. Porque a semana pasada Caixanova tamén facilitou datos que facían ver a súa viabilidade e solvencia de xeito independente. Uns días despois, Caixa Galicia veuse forzada a contestar con informacións semellantes que respaldaban, tamén, a súa viabilidade e solvencia. E o IGEA de Quintana dicía que a mellor das opcións era unha SIP extraterritorial. Unha auditoría que pretendese pechar a cuestión debería, pois, presentar unha valoración de todas e cada unha das alternativas posibles.
Pero máis aló dos datos técnicos, semella que a due dilligence non é máis que un instrumento ao servizo dun –ou dous- dos contendentes desta loita política onde do que se trata xa é de torcerlle o brazo ao rival, custe o que custe.
Pero tranquilos, por se esta é a opción que finalmente vai adiante, ao alcalde Losada faltoulle tempo para garantir que A Coruña está en condicións de liderar este proceso para desenvolver unha grande institución financeira ao servizo do país.
Nenhum comentário:
Postar um comentário