sábado, 30 de janeiro de 2010

Gañou Baltar jr

Confirmase o primeiro patinazo serio de Núñez Feijóo e o seu think tank. Aínda que se intentará vender de sa democracia interna que fortalece ao partido, o certo é que o candidato do oficialismo de Santiago, Jiménez Morán, ven de sufrir unha dura derrota. Obtivo a metade de votos que o gañador, José Manuel Baltar.

Como comentabamos nun post anterior, sabendo que era unha excepcional oportunidade para apuntalar o poder único do presidente e acabar para sempre cos mandarinatos locais endémicos no PP, o equipo de Núñez Feijóo meteuno batalla innecesaria sen calcular axeitadamente os riscos.

Máis aló do que supón que un congreso provincial se decante en contra das pretensións do presidente do PP de Galicia, este feito pode supor o rexurdimento da contestación interna e acabar co estatus plenipotenciario do que viña disfrutando.

É previsible que a partir de agora as baronías locais, tanto os da boina, como os das cidades, que seguen aí, aínda que de momento caladiños, comecen a facerse oír e a reclamar políticas acordes cos seus intereses, deixando nun segundo plano o modelo de "Galicia única" que ata o momento parece que guiaba a acción de goberno de Núñez Feijóo.

Así, é dubidoso que nese contexto a militancia do sur, en particular a de Vigo, que está vendo como o asunto das caixas pode converterse en determinante nas próximas eleccións municipais, manteña o silencio e a disciplina exemplar da que ven facendo gala ata o de agora. O mesmo en Lugo, onde se senten abandonados e aldraxados só por ter sido Barreiro o contrincante de Núñez Feijóo na loita pola sucesión de Fraga. Na Galicia central, onde o fillo de Cuíña está amagando dende hai tempo...

Máis que a lingua, máis que as caixas, o de Ourense pode ser un verdadeiro punto de inflexión no modelo político de Núñez Feijóo e os seus.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

No faiado