domingo, 24 de janeiro de 2010

Será Baltar jr a gran esperanza branca?

Semella que o think tank que marca a axenda política do presidente calculou mal esta vez.

Ata o de agora tiñan acertado coa selección de asuntos que, baseándose exclusivamente en criterios de rendibilidade electoral ou demoscópica, debían presidir a acción de goberno. Libros de texto, concurso eólico, audis, ... conseguiron eclipsar a mediocridade deste goberno e a evidente falta de iniciativa política alí onde sería realmente importante: crise económica, paro, xacobeo, infraestruturas, turismo, sector leiteiro, I+D+i desmantelado, superconsellería de economía e industria desaparecida...

Cando xurdiron asuntos para os que non tiñan estratexia deseñada, tiveron a suficiente habilidade para trazar rapidamente unha axeitada folla de ruta.

Así aconteceu co das caixas de aforros, onde en calquera caso Núñez Feijóo está xa nunha posición gañar-gañar independentemente da deriva que tome o asunto a partir de agora. Se hai fusión e funciona el é o único artífice, se non é así, intentáronse defender os intereses supremos de Galicia, pero foi imposible, ben por culpa de anacrónicos localismos, ben pola aldraxe a Galicia do goberno central, ben pola pésima xestión dos responsables de ámbalas dúas entidades.

Moito me temo que no asunto do idioma acabe acontecendo algo semellante. Partindo dunha certa simpatía cara ás posicións xenófobas de GB e das tertulias españolistas madrileñas, crendo que así sintonizaban coa maioría silenciosa, a partir do éxito da protesta do pasado día 21 avanzarán cara a propostas máis razoables, soltarán lastre desmarcándose de GB, envolveranse na bandeira unha vez máis, e outra vez estarán xogando a gañar-gañar.

En Ourense, sen embargo, pasáronse de freada. Sabendo que era unha excepcional oportunidade para apuntalar o poder único do presidente e acabar para sempre cos mandarinatos locais endémicos no PP, metéronse nunha batalla -aínda que agora queiran facer ver que non é cousa deles, que Jiménez Morán vai por libre- sen calcular axeitadamente os riscos. Así, están agora nunha estratexia perder-perder.

A tenor do que publicaba El País días atrás, parece que Núñez Feijóo xa da por perdida a batalla, ao intentar pactar unha lista única.

Máis aló do que supón que un congreso provincial se decante en contra das pretensións do presidente do PP de Galicia, este feito pode supor o rexurdimento da contestación interna e acabar co estatus plenipotenciario do que viña disfrutando ata o de agora.

É previsible, si se confirma a vitoria de Baltar jr., que as baronías locais, tanto os da boina, como os das cidades, que seguen aí, aínda que de momento caladiños, comecen a facerse oír e a reclamar políticas acordes cos seus intereses, deixando nun segundo plano o modelo de "Galicia única" que ata o momento parece que guiaba a acción de goberno de Núñez Feijóo.

Así, é dubidoso que nese contexto a militancia do sur, en particular a de Vigo, que está vendo como o asunto das caixas pode converterse en determinante nas próximas eleccións municipais, manteña o silencio e a disciplina exemplar da que ven facendo gala ata o de agora. O mesmo en Lugo, onde se senten abandonados e aldraxados só por ter sido Barreiro o contrincante de Núñez Feijóo na loita pola sucesión de Fraga. Na Galicia central, onde o fillo de Cuíña está amagando dende hai tempo...

Unha vitoria de Baltar jr. pode, pois, remover os cimentos do poder omnímodo ao que aspira Núñez Feijóo. E se, finalmente perde?, ai! se perde o neno, aínda pode ser peor...

Um comentário:

No faiado