domingo, 17 de janeiro de 2010

A mellor defensa, un bo ataque

Ás contas feitas públicas por Caixanova, que comentabamos no post anterior, coas que se pretendía demostrar a capacidade da entidade para facer fronte ás obrigas de pago contraídas ata o ano 2020, hai que engadir a nota publicada onte coa que se trata de poñer de manifesto diante da opinión pública a relevancia, tanto en volume económico como en emprego, do grupo de empresas participadas pola institución financeira.

Caixanova explica que dedica o 15% das súas reservas á súa carteira de participacións industriais. De non facelo, "melloraría o seu core capital ata preto do 7% e a súa solvencia sería dun 14 %". A inversión industrial supera os 2.200 millóns de euros en máis dun cento de empresas que en Galicia xeran 21.000 empregos. Destacaba ademais que, con datos ao peche do terceiro trimestre de 2009, "a práctica totalidade" destas empresas obtiveron resultados positivos, cifrando en 14,69 millóns de euros os beneficios da carteira industrial ao peche dese terceiro trimestre.

Despois de varios meses cun xogo prudente, defensivo e de contención, Caixanova esta semana cambiou de táctica. Facendo seu aquel aserto que no argot futbolístico dos anos setenta puxera de moda a selección do Brasil, acaba de descubrir que non hai mellor defensa que un bo ataque.

A estratexia de Caixanova mudou considerablemente nos últimos días en tres aspectos clave.

Primeiro, un xiro de 180º na súa folla de ruta, que ao inicio deste debate apostaba por levar a cabo unha SIP con entidades foráneas. De feito, mantivo conversas moi avanzadas con Caja Navarra, Caja Murcia e Caja Cantabria. O propio director xeral informáballes aos traballadores da necesidade ineludible de buscar alianzas con outras entidades. Este cambio de rumbo obedece á necesidade de facer fronte á estratexia política da Xunta, respaldada polo PP-BNG-La Voz de Galicia, e que ten o seu primeiro fundamento na inviabilidade das dúas entidades por separado. Negando con datos a maior, xa non sería tan entendible a posición do goberno, nin a do PP-BNG-La Voz de Galicia.

Segundo, abandono da postura de silencio para xogar xa abertamente na guerra pasional-mediática. As dúas notas de prensa feitas públicas esta semana poñen en evidencia a Caixa Galicia, que debería responder coa mesma contundencia e transparencia. Pero non o fai, como se comentaba no post anterior -Gayoso fixo as contas, Méndez non-. A interpretación podería ser que non está en condicións de facelo. Os escasos datos publicados hai uns días por El País Galicia, sobre as participacións industriais das dúas caixas, algo parecían deixar intuír nesta dirección.

Terceiro, estas informacións galvanizan a tardía marea popular do sur, en especial de Vigo, en contra da fusión e dálles argumentos aos seus defensores. Ao tempo que poñen en dificultades aos disciplinados militantes de BNG e PP en Vigo.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

No faiado