sexta-feira, 15 de janeiro de 2010

Gayoso fixo as contas, Méndez non

Caixanova acaba de presentar as contas nas que deixa claro que non ten problemas para facer fronte ás débedas nos próximos dez anos.

Cunha linguaxe directa, clara e didáctica. A axeitada para o nivel ao que está o debate. Nada de core capital, nada de tier1, tier2, nada de rateos de solvencia ou de morosidade. O país non está para sofisticacións técnicas. Deixémonos de lerias.

O que hai que saber é ben claro: Qué se debe aquí?, cándo hai que pagar?, cánto temos no zurrón?

Qué importa que suban os tipos de interese?, qué importa que teñan que revisar as hipotecas á baixa?, qué máis ten que suba a morosidade?. Se paga lo que se debe y punto.

Ata 2020 os vencementos aos que ten que facer fronte Caixanova suman 6.288,45 millóns de euros. Este ano 677,60 millóns. Outros 925,05 millóns en 2011 e 1.992,55 en 2012. O resto, 2.693,25 millóns repártense entre 2013 e 2020.

Hoxe Caixanova ten 736 millóns de euros en efectivo. Pero, ademais, tardaría só "entre un e tres días" en facerse con outros 3.007 millóns. Liquidez "inmediata", que definen no sector, con unha póliza para descontar no Banco Central Europeo, unha carteira de renda fixa "dispoñible para vender en contado" de 544 millóns; outra de renda variable de empresas cotizadas valorada en 1.024 millóns e inversión en fondos líquidos de 110 millóns.

"Se a ese importe se lle suman os depósitos prestados a entidades financeiras con vencemento inferior a seis meses, a parte non disposta do recurso á financiación co aval do Estado para emisión de obrigacións simples e a capacidade dispoñible de emisión de cédulas hipotecarias, resulta unha posición de liquidez total a curto prazo de 6.314 millóns de euros".

Así que a dirección de Caixanova nega rotundamente que o seu negocio estea "en absoluto" condicionado pola financiación captada en mercados maioristas. O total de recursos de clientes nos últimos doce meses incrementouse en 1.900 millóns. O nivel de cobertura sobre os créditos concedidos elevouse ata o 125%, o que supón 8,7 puntos de mellora do indicador, un dos que mide la liquidez. "Dato que contribúe a consolidar a favorable posición de Caixanova de cara ao futuro". Conclusión: a caixa viguesa conta nestes momentos con fondos suficientes para facer fronte a todas as súas emisións maioristas ata 2020.

Fronte a esta minuciosidade contable, Caixa Galicia apenas foi quén de ofrecer unha resposta titubeante a preguntas de El Correo Gallego. Resposta que, mal que ben, só explicaba a capacidade para cubrir as obrigas de pago ata 2011, e despois... chi lo sá?

E no medio de toda esta guerra pasional-político-mediático-técnica, a CIG -que inicialmente opúxose á fusión- volve á receita clásica: se isto non se fusiona leña, se isto non se amaña, caña, caña, caña...

Non cabe dúbida que estamos dando, como país, todo un exemplo de democracia directa, cunha sociedade comprometida e participativa. Esta vez si, o futuro -fusionado- é noso.

3 comentários:

  1. Eu tampouco acredito moito nos números de Caixanova, pero bueno, mellor que CxG seguro que está.

    ResponderExcluir
  2. Carallo!!! Tes unha lectora tailandesa que le o blog en galego??

    Eu quero ser así de internacional!!

    ResponderExcluir
  3. Si Caralladas, teño unha colonia no Sudeste Asiático... E sonche ben aplicados!.
    Saúde,

    ResponderExcluir

No faiado