terça-feira, 30 de março de 2010

Algunhas conclusións -apresuradas- do culebrón das caixas

Nun país que lle aplica a mesma metodoloxía a decisións económicas, perfectamente cuantificables en miles de millóns de euros, que ás disputas futbolísticas, ocorren estas cousas.

Un medio de comunicación, atendendo a intereses manifestamente localistas, disfrazados de nacionalismo de Cantón, inicia a súa estratexia para converter a súa caixa na caixa nacional de Galicia. Conta inmediatamente co apoio dunha boa parte da intelectualidade do país, que a pesar de non ter nin a máis mínima idea das dimensións económicas do asunto en que se estaba metendo, empuxa con decisión, a prol, seica, dunha estratexia de nación.

Non lles importou que manifestamente o obxectivo dese medio de comunicación fose absorber a caixa do sur. Non podía ser doutra maneira, a posición de partida das dúas entidades era desigual. Caixa Galicia, entidade cunha dimensión considerablemente maior, tanto en activos, como en oficinas, como en empregados, estaba chamada, indiscutiblemente, a liderar o proceso.

A oposición radical de Caixanova interpretouse como unha estratexema defensiva dos seus dirixentes para manterse na poltrona. Non se podía consentir, pois, que a avaricia e o egocentrismo dunha persoa, moi maior polo demais, condicionase, dificultase ou impedise, unha operación vital para o futuro político e económico do país, segundo a intelectualidade. Sobre todo para o futuro de A Coruña, na estratexia do medio de comunicación.

Ponse en marcha todo un fronte mediático-intelectual que ten como obxectivo deslexitimar as posicións antifusión.

Non sendo suficiente, e dado que Caixanova persiste na súa negativa rotunda, ponse en marcha a maquinaria política: nova lei de caixas a iniciativa do BNG. Hai que dicir que máis por táctica política que por outra cousa. Núñez Feijóo mareaba a perdiz e parecía estar atrapado. Era o momento de atacar. Xogada maxistral do PP, súmase á iniciativa parlamentar do BNG e capitaliza, en exclusiva a nobre defensa dos intereses de país.

Ninguén fai caso do principal argumento esgrimido por Gayoso: analícense as contas, véxase cal é a situación real de cada unha das dúas entidades. Por aí se tiña que haber empezado, efectivamente. Pero no canto de facelo, págase a prezo de ouro unha auditoría ad hoc, que como case sempre ocorre coas auditorías, di exactamente o que quere que diga o que a paga, neste caso Núñez Feijóo.

Si se empezase por aí, poderíase ter claro, dende o principio, cál era o verdadeiro problema e a súa magnitude, cuantificada en millóns de euros. É o que teñen as decisións económicas, algunhas delas mídense en euros.

Como se preferiu resolver o asunto pala vía de mover as paixóns -a veces baixas- e montar unha grande marea popular, ao final atopámonos coa crúa realidade. Un enorme buraco que require, segundo as contas de Caixanova, que a día de hoxe ninguén discute xa, tres mil millóns de euros.

A pseudosolución que agora se vende, acadada onte, deixa en evidencia algunhas cousas.

Primeiro, que nin medios, nin intelectuais, nin partidos políticos, se fan responsables da fractura social que provocaron con este asunto. Ao contrario, seguen empuxando á desesperada.

Segundo, o bochorno de ver ao medio de comunicación máis influínte do país pasando sen descaro dun argumento ao contrario con tal de salvar os mobles e os seus intereses.

Terceiro, que os problemas económicos requiren, antes que nada, unha análise técnica e non fabricantes de slogans e vendedores de fume.

Cuarto, que temos un goberno tan dado á improvisación que se ve obrigado a aceptar un acordo radicalmente contrario á solución que viña promovendo, só para gañar unha semana de prazo e seguir buscando desesperadamente unha solución para un problema que estaba aí dende o principio pero que non quixo ver.

Quinto, que o denostado ancián, que seica empezou a traballar na caixa facendo os recados, e leva máis de corenta e cinco anos dirixíndoa como se fose o seu predio, torceulle o brazo a medios, intelectuais e clase política.

Sexto, o patético que resulta que o goberno galego teña aceptado, por esixencia de Gayoso, que a nova lei de caixas quede en nada.

Sétimo, que dado o importe da operación, resulta moi pouco crible que o Banco de España acceda a poñer a pasta con cargo ao Fondo de Garantía de Depósitos.

Oitavo, que previsiblemente, entón, dificilmente haberá fusión. E non por culpa de Caixanova, senón porque o que non pode ser non pode ser e ademais é imposible.

Noveno, esváese o óptimo que Núñez Feijóo tiña previsto para a segunda derivada, integración das dúas caixas fusionadas en Caja Madrid, e no peor dos casos, integración de Caixa Galicia. Seguramente nin unha cousa nin outra será posible debido á situación da nosa caixa, pero tamén a que a madrileña non está para botar foguetes.

Décimo, seguimos tendo un problema con Caixa Galicia e o tempo esgótase.

Undécimo, o eslogan de galeguidade e solvencia só poderá cumprirse a curto prazo, pola vía Caixanova. A medio prazo, seguramente tampouco poderá evitar integrarse con algunha outra.

9 comentários:

  1. Parabéns. Excelente análise das nosas caixas e miserias.

    ResponderExcluir
  2. Moi bo analise, e incribel como depois da suxa campaña e as desfeitas que o frijol fai no governo( despilfarro, defice , amiguismo e o pior, procurar rédito político na división da sociedade mediante a campaña anti-galego) cole o seu "mejor galleguismo" enfim, un pais tan subvencionado e controlado como iste, é unha explicación, aínda que a nosa tradicional inxenuidade tamén conta, coido que muita xente apoiou o presidente de boa fé.
    Curioso o apoio de setores da prensa madrileña a fusión, non toda.
    Que apoios recebeu fijolete na campaña? , a prensa de madrid(lembro o de kale-borroka en santiago, dito na sexta) e a voz, mellor dito os iberdrolas cajamadrides e aquí caixagalicia. Ten toda a lóxica teu razoamento,optou polo lobby "lacoruñes" de sempre, mais é certo que procurará unha saida airosa, raposo é dabondo para ter éxito. Por certo convén lembrar que o diñeiro de frob non son nen axudas nen un "credito", son obrigacións convertibeis en cotas participativas, ollo, con dereitos políticos,no meu modo de ver , só entidades en mui mal estado o aceitarían un método para facilitar unha intervención sen escandalos, pois mafo ten a oportunidade de executa-las quando acredite oportuno duar

    ResponderExcluir
  3. Menos persoalismos, menos localismos, menos politiquería, (entendida como redes clientelares e caciquismo e non como ideoloxía)...

    En nunca acreditei nas caixas actuais, (e son cliente das dúas), e moito menos nos seus dirixentes, a súa prepotencia e as súas amizades os delatan...

    A solución?... Pois como na Eurovisión... "¡Algo pequerrechiño!"...

    A falla de algo mellor, a Caixa Rural Galega, que vades ver como vai pasar dos actuais 350 millóns de pasivo en depósitos ate os mais de 1000 en pouco tempo gracias aos coruñeses cabreados, (e a sucursal que abriron na Coruña o mes pasado vendoas vir)...

    Eu apostaría por unha nova entidade do mesmo tipo, (cooperativa de crédito), pero sin a vocación rural do grupo Caixa Rural...
    Fai falla un capital mínimo de 5 millós de euros e un mínimo duns 200 socios entre persoas físicas ou xurídicas...

    Insisto:

    http://es-es.facebook.com/pages/Comision-Promotora-da-Caixa-Nacional-da-Galiza/112944218721573?ref=ts

    ResponderExcluir
  4. Por certo, mirade os datos do link e seguide a sua evolución nos vindeiros anos, aposto a que veredes un crecemento espectacular da terceira caixa galega...

    http://www.ruralvia.com/isum/Main?ISUM_ID=menu&ISUM_SCR=serviceScr&ISUM_CIPH=nAjkSAwQFh1VreSqUkIIAvSIb1louRuZf6EuzA33d58%3D

    ResponderExcluir
  5. Solvencia, e galeguidade. As tan traidas palabras agora engadeselle o de paridade, que antes se dicía coa boca pequena e de tapadillo (antepondo sempre as cifras de tamaño de cadansúa caixa) e que agora leva tres días na portada dun dos actores mediáticos do embrollo. Das tres verbas, á única imprescindible é a da solvencia. Sen ela non hai nengunha das outras dúas. E é incrible como é a que menos se nombra das tres. A galeguidade é (polo que a min respecta) desexable; pero é un termino manipulable (manipulado) e relativo. A paridade, tamén desexable para min, so pode ser fruto dunha negociación, no que os participes teñan unha altura de miras que non demostraron polo de agora.

    Hai moi pouca valentía en explicita-las opinións e vontades de cada unha das partes. E iso alenta unha desconfianza total en todo o proceso. Asemella-se cada vez máis a unha partida de poker onde as apostas suben e non se sabe quen vai de farol ou non. Parece, eso sí, que Caixa Galicia da sintomas de non ter boa man, pero nunca se sabe nestes xogos de cartas.

    Non sei se ás Caixas elle esixible ter unha postura máis transparente (eu houberaa agradecido) pero o certo e que ata hai pouco non habia dato fiable nengún, nin da súa postura (alo menos iso sí o deixa claro o escueto comunicado de antonte) nin das súas razóns para mantela. Todo son cifras filtradas, case nengunha, coma na xa olvidada auditoria, constratable ou argumentada. E polo tanto as discusión fanse sen argumentos e son pasto das razóns viscerais que se escoitan nos foros.

    Seguimos pendentes, agradecedenso aportes coma os seus, e sempre, coa sensación de encamiñarmos ó desastre.

    ResponderExcluir
  6. Totalmente de acordo co que dis do frob, Duar. Habería que escribir algo ao respecto, a ver se hai tempo.
    Obrigado polos parabéns, tamén a Ian.
    Saúde,

    ResponderExcluir
  7. Estimado Ansible, coincido plenamente tanto con este como con outros comentarios anteriores. Paréceme que compartimos unha visión excéptica e un chisco pesimista da realidade social, económica e política do país.
    Grazas por seguir vindo por aquí.
    Saúde,

    ResponderExcluir
  8. Umha entrada muito boa e uns comentários nom menos atinados. Tamém é interesante a proposta da Comissom Promotora e o vaticínio de melhora e expansom da Caixa Rural Galega aguardo se torne certo assi como a expansom lenda mais sostida da banca ética. Saúde.

    ResponderExcluir
  9. Novo golpe indirecto a fusión...
    Última hora, (7 do 4 do 2010 as 14 horas)...
    A SER filtra que o goberno reducirá a fiscalidade das Caixas que se integren en SIP's de distintas comunidades para estimular este instrumento, (imposto de sociedades e parece que outros)...
    O anterior incluirase no paquete do Pacto de Zurbano...
    Ollo ao piollo, están a que fracase a fusión galega...

    ResponderExcluir

No faiado