Escribiamos hai pouco aquí, un novo nunca máis financeiro?, non grazas. Se non queres caldo, dúas cuncas (ou máis).
Convoca Abel Caballero a peito descuberto, apelando á fibra do viguismo. Toda unha homenaxe ao desaparecido Leri, máximo expoñente deste patrioterismo local.
O argumentario, o coñecido, pero en clave de cidade. Aldraxe, expolio, roubo, non o imos permitir, non pasarán, esta vez non. Non consintas outro ninguneo á cidade máis grande, industrial e cosmopolita do país. Nunca máis. Vigo capital. Menos mal que nos queda Portugal. Vigo si, Turquía non. Nada novo, como ven.
A convocatoria ten un ton naíf entenrecedor. Carteis feitos á présa e con pouco deseño, cuñas radiofónicas coa voz do líder convocante. Percíbese que non están implicados os profesionais da mobilización. Nótase que falta práctica e marketing.
Por outra banda, mesmo a elección da data tampouco parece a máis axeitada. O anuncio de recurso polo goberno central á Lei de Caixas pode ter un efecto desmobilizador. Tería máis sentido tela convocado antes, para facer presión nesa decisión, ou esperar para ver como se desenvolven os acontecementos. Este momento de impasse non parece o máis conveniente para sacar á xente á rúa.
Menos mal que, ata o de agora, a tarde preséntase ben dende o punto de vista meteorolóxico en Vigo.
Así e todo, a fibra que se está tocando é tan sensible que non descarto un éxito relativo desta convocatoria.
O que ocorre é que arrisca moito Caballero. Os datos de asistencia vanse mirar con lupa. E non resultará difícil facer chascarrillos comparándoos coa dimensión doutras mobilizacións históricas de infausta lembranza na cidade.
En calquera caso, isto é só un anticipo do que será o gran día, o San Nunca Máis Grande que pronto convocarán os outros en Compostela.
Máis adiante, está previsto tamén outro San Nunca Máis Pequeniño, este na Coruña, promovido polo alcalde Losada.
Nunca máis acaído aquel slogan de hai uns anos: Galicia: unha romaría (ou era unha festa?)
Prolingua: 20 Mentiras sobre a lingua galega (2010)
1 hora atrás












