Percíbese hoxe nos medios, en radio macuto tamén, que o lío das caixas está a punto de clarexarse. Antes de que remate este mes, a solución, a que sexa, terá que estar encauzada.
Pode que se escenifique nesa reunión solicitada por Núñez Feijóo a Rodríguez Zapatero, pero en calquera caso a clave, sabíase dende o principio, está en MAFO e no Banco de España.
Pode haber fusión, pero non terá nada que ver co que pretendía Núñez Feijóo secundado polo BNG. Terá que estar máis fundamentada en datos técnicos -que si ten o Banco de España sen necesidade de KPMG- e menos en cuestións pasionais e mareas populares. E aquí semella que o papel de Caixanova gaña enteiros, ou si se quere, pérdeos Caixa Galicia. E pode non habela, pero entón o Banco de España terá que mover ficha pronto deixando de manifesto cal é a situación económico-financeira real de cada unha das dúas entidades e que explicaría a inviabilidade desa pretendida fusión.
En calquera caso, como aquí vimos comentando este affaire polo miúdo, non é cuestión de volver a repetir, como fai hoxe J.L. Gómez no Xornal de Galicia, o balance de actuación de cada un dos protagonistas. É unha evidencia que La Voz de Galicia e BNG serían os grandes perdedores, que Núñez Feijóo e os seus de aquí, tampouco saen ben parados, aínda que sempre poderán vender a imaxe dun presidente da Xunta comprometido cos intereses do país e que o intentou ata o final e, en todo caso, sempre lles queda pregarse aos intereses dos seus en Madrid. Non é descartable que toda esta rocambolesca historia tivese como finalidade os mesmos obxectivos. No outro lado estaría o PSOE Madrid, en particular Blanco, e por extensión Vázquez (Pachi), Caballero (Abel) e unha boa parte, non todo, o PSdG.
Ten máis interese, e con máis recorrido, empezar a formularse os escenarios de futuro.
Partindo da base de que o proceso de reconversión -concentración- das caixas nace con un gran pacto PP-PSOE, co que se pretende nunha primeira fase, utilizando o FROB como instrumento, reducir o número de caixas a dez ou doce, respectando por razóns económicas e tamén políticas obvias a vascos e cataláns, e nunha segunda fase, cun horizonte de catro ou cinco anos, avanzar cara á privatización pola vía das cotas participativas, deberíamos centrar a atención en cal será, neste escenario, o futuro das nosas dúas entidades.
Se non hai fusión cada unha das dúas caixas entraría de cheo nese esquema deseñado hai tempo en Madrid, quizás da forma que estaba prevista dende o principio: Caixa Galicia con Caja Madrid e CAM, e Caixanova nun pool con Caja Cantabria e outras ou na Banca Cívica de Caja Navarra.
E se hai fusión? pois, máis ou menos o mesmo, pero co paquete por xunto. Ben con Caja Madrid ou ben con La Caixa.
Quizáis agora algúns empecen a entender que a pretendida galeguidade podería ter máis visos de viabilidade, ao menos para algunha das entidades e sempre matizada, pola vía da denostada SIP.
Se dende o comezo se abordase este asunto con criterios técnicos económico-financeiros e con máis transparencia -como apunta hoxe X.L. Barreiro-, teríase evitado toda a crispación e a exacerbación dos localismos, á que asistimos con pasmo nestes meses, e que debilitaron -máis do que moitos pensan- a nosa xa frouxa, dende hai tempo, identidade como país.
Nenhum comentário:
Postar um comentário