Oito ou nove meses de debate surrealista para, finalmente, volver ao punto polo que se debía ter empezado.
Escribiamos aquí:
O 25 de outubro de 2009, a primeira vez que nos ocupamos do asunto, que “Non se pode admitir que un medio de comunicación deseñe as estratexias políticas e económicas de Galicia. Sobre todo cando ese medio ten uns obxectivos manifestamente localistas. Medio país séntense agredido... Os mesmos que defendían unha xestión profesional nas caixas de aforros, presionan despois para que o goberno galego interveña e controle esa xestión... Sen ningún argumento serio trázase unha estratexia para conseguir que a caixa do norte absorba á do sur”.
O 4 de novembro: “No canto de tanta intoxicación mediática, sería bo, poder coñecer dunha vez o estado real, con datos, das dúas caixas. Ou estarásenos preparando o terreo para que, diante da contundencia deses datos, sexa máis doado de aceptar un escenario no que a única saída sexa Caja Madrid?.”
O 22 de novembro: “A ninguén parece preocuparlle a desinformación e o oscurantismo co que se chega ao momento clave. O importante é sumar opinantes, cantos máis mellor”. Formulabamos estas dúas preguntas: “1. É viable Caixa Galicia?. 2. Nunha fusión intragalega, a achega dunha Caixanova tamén en delicada situación sería suficiente para salvar a Caixa Galicia do abismo en que semella se atopa?... Como o que interesa é furtar o debate sen entrar no cerne do asunto para que finalmente a decisión se tome en función de quen gañe o debate social, que xa teño dito repetidas veces neste país se reduce a un Celta-Deportivo...”
Por fin, cando o Banco de España move ficha e impón condicións no propio proceso de negociación da hipotética fusión, comezase a centrar o debate no que realmente importa: a verdadeira situación económico-financeira de cada unha das dúas entidades. Por certo, a due dilligence de KPMG parece que xa non é tan secreta e foille facilitada ás direccións de ámbalas dúas caixas. Algúns –bastantes- deberían empezar xa a dar moitas, moitas explicacións, pero desto ocuparémonos outro día.
Como diciamos no post anterior, haberá fusión se con apoio de fondos públicos a entidade resultante é viable. Non terá nada que ver co que pretendía Núñez Feijóo secundado polo BNG. O papel de Caixanova gaña enteiros, ou si se quere, pérdeos Caixa Galicia.Se non a hai, Caixanova acabará materializando algunha das alternativas que dende o principio tiña previsto. E Caixa Galicia... qui lo sá?
En todo caso, como tamén dixemos reiteradamente, é xa máis importante comezar a analizar os escenarios futuros. Como lin en algún lado, este partido non é máis que de oitavos de final e queda aínda moito recorrido. Hai tempo que advertimos do interese de centrarse na segunda derivada e pensar no que acontecerá nos vindeiros dous ou tres anos.
Nenhum comentário:
Postar um comentário