domingo, 30 de maio de 2010

Política rudimentaria

Volve Núñez Feijóo a centrar o discurso cara ás vindeiras eleccións municipais no argumentario que tan bo resultado lle deu nas últimas autonómicas, a austeridade e a loita contra o despilfarro.

Seica aforrou oitocentos mil euros revisando os alugueres que paga a Xunta. Segue a darlle voltas tamén aos gastos de quilometraxe do parque móbil. Está xa moi avanzada a operación de erradicación de axencias e organismos varios -case que todos creados polo bipartito-. E promete agora exterminar aos asesores de deputacións e concellos.

Non serei eu o que negue a importancia de mellorar a eficiencia e control na administración dos recursos públicos. Pero gustaría máis dun político que formulase algunha idea suxerente que puidese servir para albiscar algunha saída á situación de crise na que nos atopamos. Non escoito ao presidente falar emprego nin de competitividade. Estes asuntos subcontrátanse a algunha consultora. Hai poucos días presentáronse trinta folios, formato power point, co pretencioso título de plan estratéxico para converxer coa media UE en 2020.

E gustaría máis tamén dun goberno que gobernase. Un ano longo de mandato que se resume en dous enredos de gran calado, aínda non pechados. O decreto do galego e o vodevil das caixas de aforros.

Porén, á vista das enquisas de opinión semella estar claro que a meirande parte da cidadanía está máis que satisfeita con esta política de comunidade de veciños.

Agora que cada un de nos sufrimos nas propias carnes os efectos da crise económica, no canto de esixirlle aos políticos solucións para saír do túnel, abóndanos con que aparenten levar ben as contiñas. Quizás sexa que xa ninguén acredita na política nin nos políticos, máis alá deste resultadismo curtopracista.

Ao fin e ao cabo, tamén o Real Madrid ficha a Mourinho...

5 comentários:

  1. Atopar un político que convenza sempre, é, en termos realistas, imposible. A xestión pùblica, nos estados modernos, é unha máquina imparable chea de vicios nas que moi poucas veces se consegue introducir un xerme ou unha idea nova.

    Aqueles que se presentan coma renovadores, ou acaban estrelados por incapacidade coma o noso presidente do goberno, ou desilusionando polas dificultades do cambio, coma Obama. É invetable na política de hoxe, pareceme a min.

    Por iso, porque a desilusión esta sempre presente, hai que mirar ben os feitos e non tanto os discursos. No de Feijoo o discurso é normalmente mesurado, lonxe de triunfalismos (por min excelente). Pero na acción, ay...
    Ainda non vimos accións de calado. Se non renovadoras (perigo), sí, como apunta vostede o suficientemente valentes e na boa dirección, da que fai medrar un pais. E eses non se fixeron, coincido.

    O mellor destes tempos é que o "fin da festa" económica permite que o electorado sexa máis receptivo a politicas mesuradas, sensatas e a longo prazo. Os charlatáns xa foron descubertos polas circunstancias. Eu ainda agardo (por agardar que non quede) medidas de parte de Feijoo nesa dirección.

    ResponderExcluir
  2. Se aplican estes "corre ve y dile mi sueño" a hora de facer campaña e entra na xente (non nas persoas) "que bien lo hace el PP" o discurso xa está montado nas rúas e é difícil sanealo da realidade e razón. Por moita razón que haxa a xente (non as persoas)fai máis caso ó que lle din que aquilo que necesita un pouco de razocíneo...por moito que nos pese, mentres haxa máis xente ca persoas dificilmente se consegue un País con políticos verdadeiramente con políticas que beneficien a cidadanía.

    ResponderExcluir
  3. que pensará facer Feijoo co pozo sen fondo da Cidade da cultura??? a cidadanía galega cada vez é máis maior, por elo enfermará máis....cantos hospitais e centros de saude ben equipados levaríamos feitos con eses cartos? Seguimos a exportar médicos/as e enfermeiras/os.
    Mais a cidade da cultura segue a tragar cartos e ninguén pon coto a ese despilfarro nunca ben aclarado. Nin o PP, nin o bipartito nin agora Feijoo.
    No Gaiás está soterrado o futuro sanitario de Galiza e veremos se non está tamén o monetario.

    ResponderExcluir
  4. Abel Maceiras:

    Ao fío do teu post quero facer un comentario absolutamente incorrecto pero que refrexa unha idea que fai tempo me da voltas.

    Iste comentario xa o postei no blog "O Café na trincheira".

    Lembro algunha manifestación nos últimos tempos do “fraguismo” na que dende sectores bastante novos cantábase unha copla ao son da “guantanamera” que dicía algo así:

    “hai que ir morrendo…
    Manolo, hai que ir morrendo…
    ¡hai que ir morreeeendo!…
    Manolo, hai que ir morrendo…

    Esto ben a conto do tema das pensións…
    Na Galiza sempre foi un tema de debate o asunto das pensións, do envellecemento da poboación e da necesidade da “solidariedade” exterior, (hespañola ou europea), para sufragar unhas prestacións, que por riba de ser de media as mais baixas do Estado, se nos dicía que eran ademais deficitarias…

    Xa levo exposto noutros comentarios neste blog que esta conxuntura é a escusa perfecta para rachar a chantaxe a que se somete recurrentemente a calquera plantexamento arredista galego…

    http://acostadamorte.blogspot.com/2010/05/estatuto-ou-estado.html

    Pero ben, ademais das conxunturas soberanistas, o caso e que recurrentemente alguén sempre plantexa a inviabilidade do sistema actual de pensións…
    Agora, segundo o Sr. Juliana, este plantexamento ven dende os poderes económicos “europeos” e proponse a receita do recorte das pensións…, e polo de pronto o “estado” apostou por unha “conxelación” dos importes, (o que na práctica se pensa que será unha diminución en termos reais polo efecto acumulado da inflación e da suba da presión fiscal, polo menos do 2% do IVE)…
    Pois o sentido deste comentario é que hai outro xeito de abordar o problema, en troques de reducir o importe da prestación por diversas vías, (aumento do cómputo dos anos para cálculo de novas prestacións, conxelación ou reducción das prestacións actuais, etc…), podemos tamén plantexalo deixando os importes e os cálculos como están e reducir a masa das pensións reducindo na práctica os anos de cobro da prestación…
    Por cada ano de menos que se cobre unha prestación, (pensión contributiva, non contributiva, axuda a dependencia, subsidio ou chámese como se queira…), o volume total do gasto se reduce entre un 4 e un 5%…
    Claro está, para reducir o período de prestación hai dúas vías, atrasar e idade de inicio do cobro, (a idade de xubilación), ou adiantar a idade de fin da prestación, (a morte)…
    As propostas de adiala xubilación atópanse con serias limitacións, sería posible para certas profesións e actividades, pero é inviable para outras, sob risco de serias caídas da productividade ou de incremento da siniestralidade…
    Todos podemos entender a prolongación da actividade mais aló dos 65 anos en profesións de poucos requirimentos físicos e nas que a experiencia e o “knowledge” son activos moi importantes, (algúns funcionarios, directivos, docentes universitarios, etc…), pero ao tempo tamén vemos a inviabilidade desas propostas noutro tipo de actividades, algunhas cunha importante implantación no mercado laboral galego, (custa imaxinar a un percebeiro na rompente, a un encofrador no curuto dunha estada ou a un mariñeiro nun temporal no Gran Sol, non xa con mais de 65 anos, se non incluso con menos desa idade…).
    Entón temos que queda unha posibilidade de actuación polo extremo da traxectoria vital…
    Evidentemente, é o mais incorrecto do mundo sequera prantexalo así, pero por cada ano en que diminúa a expectativa de vida media dos cidadáns, iso supón un aforro dun 4 ou 5% do montante anual que hai que adicar ao pago de pensións…

    ResponderExcluir
  5. Sigue o comentario anterior.

    ¿Como facelo?, pois xa se está a facer, hai dúas accións, unha cultural e outra directamente económica…
    A cultural é unha corrente de fondo que escomenzou xa fai uns anos e ten a finalidade de convencer a xeralidade da sociedade da inconveniencia da prolongación excesiva da vida, esa acción ten fitos tan salientables como a polémica xurdida arredor do caso de Ramón Sanpedro, o en Madrid ao das sedacións do Dr. Montes, e a accións culturais políticas e sociais concretas como son a instauración do testamento vital, asociacións polo dereito a morrer dignamente e, en xeral a asunción pola sociedade, polo menos polos sectores con maior nivel cultural, (que coinciden cos que teñen as pensións mais altas), da inconveniencia de prolongar excesivamente a vida en situacións de baixa calidade, de alta dependencia e de excesivo custo sanitario…
    E alí teremos outra importante acción na procura do mesmo fin, as reformas sanitarias, que baixo a premisa de reducir e conter o gasto sanitario, mediante medidas como poden ser a reducción de tratamentos ou de medicamentos a subministrar polo sistema público, o aumento das listas de espera, o peche de camas hospitalarias en determinadas circunstancias, (vacacións, peches por obras, etc…), e, si se produce finalmente, a introducción do copago… Evidentemente estas accións son complementarias as anteriores, as “culturais”, a complementariedade ven dada por ser os seus destinatarios principalmente os sectores mais débiles economicamente, que coinciden en gran parte tamén cos de menor nivel cultural e sobre os que semella ter menos incidencia por diversas razóns, (relixiosas, de aproveitamento das rendas das pensións como ingresos para outros individuos da unidade familiar e a menor demanda de calidade de prestacións do seu entorno…), as accións culturais a prol da “morte digna”…
    Tamén é evidente que a acción favorable de diminución do gasto non é igual según que sector social reduza a súa expectativa vital, as clases mais “ilustradas”, (en xeral grupos “a”), soen ter pensións públicas máximas da orde de 4 veces as pensións mínimas…
    Nótese que é unha cuestións mais cultural que estrictamente de renda, en moitas ocasións as clases de mais alto poder adquisitivo nos son sequera beneficiarias de pensións públicas, ou non o son das maiores pensións, que soen ser de clases medias-altas, (funcionarios ou asalariados de alto nivel da empresa privada), e este é o sector no que a reducción da expectativa de vida mais beneficiaría as contas do sistema público de pensións…

    E chegados a este punto, retomamos a copla coa que escomenzamos…

    “hai que ir morrendo…
    Manolo, hai que ir morrendo…
    ¡hai que ir morreeeendo!…
    Manolo, hai que ir morrendo…

    (Manuel Fraga Iribarne é exemplo paradigmático do sector social mais custoso para o sistema público de pensións, funcionario do mais alto nivel, con custos extras por razóns de seguridade, con mala saúde e doenzas crónicas que requiren certos tratamentos e ademais cunha vida xa moi longa, pero o mesmo caso sería aplicable a persoas de todo o espectro político, por citar a algúns ilustres xubilados galegos podemos sinalar a Rodríguez Pardo no PSOE ou Bautista Álvarez no BNG)…

    ResponderExcluir

No faiado