domingo, 22 de maio de 2011

Lendoiro, ese hombre

O Deportivo -O Coruña, como lles gusta dicir aos de Vigo- está en segunda división -máis propiamente na Liga Adelante BBVA- . Realmente, ningunha sorpresa para os que temos xa algúns anos. Nas décadas dos sesenta e setenta o Depor era o "equipo ascensor".

Se deixou de selo, iso hai que anotalo no haber dun home: César Augusto Lendoiro. Un tipo que demostrou a súa capacidade de adaptación e a consciencia das súas limitacións, cando aos quince anos era presidente dun equipo de fútbol. É obvio que si era presidente foi porque entendeu que non podía ser xogador. Máis tarde, converteuse nun dos poucos galegos que conseguiu poñer unha pica en Cataluña ao converter a un equipo de colexio, o Liceo La Paz, en campión dun deporte dominado dende sempre -antes e máis despois- polos cataláns.

Chegou ao fútbol para coller a un equipo ao borde da desaparición. En poucos anos, foi quen de situalo na elite do fútbol español, mesmo do fútbol europeo. Convén lembrar hoxe que o Deportivo foi campión de liga e gañou dúas copas do rei -centenariazo incluído-. A clave, a súa capacidade para ver que era posible para un equipo como o Deportivo fichar a dous cracks mundiais naquel momento como Bebeto e Mauro Silva.

Despois, o desastre. semella que esa grande visión demostrada na traxectoria descrita, desapareceu de súpeto. Converteuse no único dirixente que foi quen de fixar os seus emolumentos en función dos orzamentos da empresa e non dos seus beneficios. Dedicouse -como ven se encargou de airear o Rey da Coruña, don Santiago- a colocar aos seus vástagos  en postos destacados no club.

O final era previsible. Un equipo cunha débeda incalculable e afundido na segunda división. Probablemente, o seguinte capítulo sexa a súa desaparición.

Máis aló de que o deportivismo esixa responsabilidades, como corresponde, non deberiamos esquecer, aínda que fose só fútbol, a contribución de Lendoiro -e do Deportivo- a incrementar a autoestima do país.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

No faiado