sábado, 21 de maio de 2011

Reflexionando (por imperativo legal)

Tanto tempo queixándose destes mozos e mozas aletargados, acomodados, vexetando á conta do suor dos seus pais, sen sangue nas veas, narcotizados pola comodidade e as novas tecnoloxías. Agora que por fin semella que comezan a moverse cunde o nerviosismo, sobre todo entre a clase política e os mass media.

Para a xente do común, este movemento, semella que espontáneo, non pode ser recibido máis que con delicia. Porén, polo menos ata o de agora, xurde rodeado de moitas incertezas. A principal é a concreción dos obxectivos que se perseguen.

A diferenza a respecto daqueloutro maio famoso, é que agora non hai un dogma ao que acollerse e que serva de folla de ruta. No 68 queriamos cambiar o mundo. Había outro modelo que servía de referente.

A diferenza a respecto das recentes mobilizacións do norte de África é que alí loitan por acadar un modelo político semellante ao que xa temos eiquí.

O pouco que ten transcendido do que pretende este movemento Democracia real xa, resulta confuso e difícil de interpretar. Máis aló da parafernalia marketiniana que recupera himnos e consignas do pasado, non nos moverán, o pobo unido xamais será vencido, A la calle! ya es hora de pasearnos a cuerpo y mostrar que, pues vivimos, anunciamos algo nuevo, o certo é que non atopei aínda ningunha explicación de cal é a meta que se persegue. É certo que, como dicía onte nunha cadea de radio unha moza mobilizada, se vostedes tardaron cinco séculos en desenvolver o actual modelo, non nos pidan a nos que deseñemos un modelo alternativo en catro días.

Sen embargo, non vexo ningunha referencia á equidade, á solidariedade, ao sacrificio persoal en aras do ben común... Máis ben semella que o que se pretende é igualarnos todos por arriba, sen renunciar a ningún dos beneficios dos que disfrutamos, grazas, precisamente ao actual modelo. E se a cousa non da para todos, albíscase que tamén vale un quítate ti que me poño eu...

E mañá chega, máis forte que nunca, a marea azul-popular. ¿Será ese o primeiro paso cara á democracia real xa?... dubídoo.

 P.D. O meu fillo, participante en algunha acampada de expatriados nunha capital europea, comentou despois de ler isto, papá se te va la olla...

2 comentários:

  1. Comento desde Madrid. Para min, os acontecementos do 15M en diante foron unha revolución da dereita, non da esquerda. Usaron os argumentos da dereita "todos son iguais", para deslixitimar o voto. E de feito, coñezo a xente que foi que é moi de dereitas. A esquerda en xeral, non identificou ben este movemento

    ResponderExcluir
  2. Non sei se da dereita. Dende logo, non impulsado pola dereita, aínda que á vista dos resultados electorais, o que é claro e que non lle perxudicou.
    Saúdos,

    ResponderExcluir

No faiado