domingo, 2 de outubro de 2011

Galiza quere... saber (2)

Onte facíamos un decálogo de urxencia das cuestións clave que no asunto caixas de aforros a cidadanía galega ten dereito a saber. Decálogo que, por certo, coincide bastante coa editorial de hoxe de Faro de Vigo: El vergonzoso expolio de las cajas de ahorro gallegas. ¿Lerá o editorialista de Faro A Furada do Trasno? ...

Hoxe, máis aló do mero xogo político partidario -moi cansino, por outra banda-, convén poñer énfase nalgúns asuntos que son o verdadeiro miolo deste embolado.
Primeiro, ¿por qué accede José María Castellano á presidencia do Consello de Administración de NCG Banco? Se é o FROB (Banco de España) o que pon o capital, nada menos que 2.465 millóns de euros, é de libro que, aló menos de momento, fose o Banco de España o que nomease o Consello de Administración do novo banco.

Segundo, o argumento implícito, nunca explicitado, para aplaudir tal nomeamento de José María Castellano como presidente do Consello de Administración de NCG Banco, era que sería quen de atraer capitais privados dispostos a investir no novo banco para capitalizalo. A día de hoxe, e despois da esperpéntica xira mexicana, con presidente da Xunta incluído, o resultado é cero investimento privado.
Terceiro, situado José María Castellano nesta tesitura, e dado que o que se lle vai esixir é que finalmente capte capital privado para o novo banco -xa non importa de onde proceda nin con que obxectivos veña-, o lóxico é que traballe para que eses hipotéticos inversores atopen as condicións máis favorables posibles, é dicir, canto menor prezo, mellor.

Cuarto, cunha perspectiva de medio prazo, o Banco de España, enfangado en moitos outros fregados, CAM incluída, non vería nada mal recuperar unha parte dos fondos FROB colocados en NCG Banco, aínda que iso supoña vender o novo banco a prezo de saldo, antes que ter que asumir o peche definitivo da entidade.
Quinto,  ¿explican, ao menos parcialmente, os anteriores argumentos a irrisoria valoración que o Banco de España fixo de Novacaixagalicia? Lembremos que o que o xoves tiña un valor en libros de 1.714 millóns de euros, pasou a valer o venres 181 millóns de euros.

Sexto, os galegos teñen dereito a saber cál era a verdadeira situación interna de Novacaixagalicia para entender por qué se deprecia, dun día para outro, nun 90 % do seu valor.
Sétimo, a cidadanía quere saber, por exemplo, a verdadeira taxa de morosidade dos investimentos inmobiliarios de Novacaixagalicia.

Oitavo, falando de taxa de morosidade, Galiza ten dereito a saber en qué porcentaxe ese volume de impagos procede de Caixagalicia e en qué porcentaxe procede de Caixanova.
Noveno,  a cidadanía quere saber se hai algún procedemento aberto para depurar responsabilidades por ter levado a ámbalas dúas entidades a tal situación.

Décimo, os galegos queren saber os termos en que se produce, nas últimas semanas, a saída precipitada dos anteriores dirixentes de Novacaixagalicia.     

Um comentário:

  1. Parabéns, non deixe de escribir.

    http://nosquedaportugal.blogspot.com/2011/10/nunca-mais-ncg.html

    ResponderExcluir

No faiado