Interpretando en termos moi sinxelos o balbuceo de onte de Rubalcaba, a solución que propón é de manual. Se coa crise se resenten as economías privadas, consúmese menos e, en consecuencia, diminúe a demanda, hai menor necesidade de producir e increméntase o paro. Nesa situación, no canto de reducir o gasto público (entendido como a suma de gasto e de inversión), na ola de austeridade na que andamos ata límites incribles, o que debería facerse é incrementar moito ese gasto e esa inversión públicas para paliar a caída do consumo privado e contribuír así a reactivar a economía. Un miniexperimento de laboratorio neste sentido foi o controvertido Plan E. A recente proposta de Obama para reactivar a economía norteamericana vai na mesma dirección.
Parece esquecer, sen embargo, o candidato Rubalcaba algunhas cuestións determinantes e que, hoxe por hoxe, fan moi difícil o poder aplicar esa receita clásica.Máis aló de tódolos problemas de débeda, déficit público, presión dos mercados, primas de risco, axencias de cualificación, etc., etc., que impiden facer ningunha política pública expansiva cos recursos actuais, unha cuestión primordial é que, como estado, non temos ningunha capacidade de facer política monetaria. E a política monetaria á que estamos suxeitos -o euro e o Banco Central Europeo- non está en función, precisamente, das necesidades da economía española. Polo tanto, tamén pola banda da política monetaria é imposible unha política de gasto público expansiva.
Por outro lado, a situación é tan catastrófica que as actuais medidas de contención do gasto co obxectivo de reducir o déficit, desmantelando de paso o estado do benestar, xa non obedecen a ningún tipo de política económica, senón simplemente á necesidade imperiosa de salvar os mobles e conseguir que o moneco sega funcionando unha semana máis ou un mes máis. Así de simple.Finalmente, sempre se recorre ás medidas contracíclicas en época de crise, esquecéndoas en época de bonanza. Se na longa etapa expansiva do ciclo económico se adoptasen políticas contracíclicas de verdade, seguramente agora estaríamos nunha situación moito mellor para superar a crise.
Nenhum comentário:
Postar um comentário