A súa principal tarefa, sobre todo logo de volver a perder en 2008, foi que os seus propios non lle quitaran a silla para sentarse eles a esperar que pasase o defunto.
O traballo de ir gañando votos fixéronllo estes últimos catro anos Rodríguez Zapatero e o PSOE. Canto máis caladiño, mellor. Os resultados das municipais e autonómicas viñeron a ratificar o éxito desta estratexia. Co outro candidato, Rubalcaba, enfrontando unha misión imposible. Como membro do goberno nos últimos oito anos non pode eludir a súa cota parte de responsabilidade en todos e cada un dos erros de Rodríguez Zapatero. Cando intenta artellar un mínimo discurso de futuro, descualifícase recorrendo ao sempiterno "¿por qué non o fixo antes?". Aínda así, e a pesar da prensa do día seguinte, o candidato socialista gañou claramente o debate e puxo luz sobre algunhas das propostas máis escabrosas dos populares.
Así se chegou á situación que nesta campaña electoral prognostican as enquisas. A meirande vitoria en democracia para un partido político, ao tempo que o seu líder segue a obter unha mediocre valoración por parte dos electores. Nesta última semana, sen embargo, a medida que se ía sentindo presidente, Rajoy tivo que empezar a erguerse da silla. As entrevistas xa non eran a un candidato senón ao futuro presidente. Viuse obrigado a abrir o seu, ata ese momento obviado, programa electoral e a concretar algunhas das decisións que pensa adoptar en canto goberne. E xa se sabe, o que fai ben Rajoy é agardar sentado...
Esa información pódelle facer reconsiderar o seu voto a unha parte do 30% de indecisos que recollen tódalas enquisas. E a algúns outros que tiñan decidido votar PP simplemente como voto de castigo ao PSOE. Quizás mañá, a marea azul non chegue a ser tsunami.
Nenhum comentário:
Postar um comentário