Leo nos xornais que a homenaxe de onte ao Beiras foi coa escusa de que xa van corenta anos dende que se publicou "o atraso económico de Galicia". Boa desculpa, aínda que para facerlle unha homenaxe merecida a Beiras, sobran motivos. Cada unha das súas facetas vitais, intelectual, profesor, investigador, político, ensaísta, ... é merecente do recoñecemento deste país.
Para min, "o atraso", ao lado de "sempre en Galiza"é o libro máis importante que se ten escrito por e para Galicia. Permitiu artellar, na década dos setenta, un discurso nacionalista realista, sólido e contundente.
Pero non debemos esquecer que aquel país, sobre o que se escribiu "o atraso", ten pouco que ver coa actual realidade de Galicia. Era aquel un país subdesenvolvido, no que a principal fonte de riqueza era a emigración, naquel momento xa cara aos países "do centro" -Alemaña, Francia, Suíza, Gran Bretaña, ...-. Era acaído, entón, artellar un discurso a partir das teses dos principais teóricos do desenvolvemento económico -Samir Amin, Furtado, ...- e baseado en conceptos como colonialismo interior, drenaxe centro-periferia, desenvolvemento autocentrado, ...
Hoxe, a pesar da crise, Galicia está entre os trinta países máis desenvolvidos do mundo. Por iso é un tremendo erro seguir aplicando a mesma metodoloxía de análise que hai corenta anos. Por iso non ten sentido, neste primeiro mundo, seguir teimando nun nacionalismo anticolonialista liberador. Por iso, os nacionalismos con éxito son todos de dereitas -aínda que se chamen de esquerdas- e modulan os seus discursos ao redor da balanza fiscal. De todo isto xa escribimos aquí hai tempo: Referendums, independencia e PIB; Nacionalismo orientado, nacionalismo desorientado.
En calquera caso, parabéns para Xosé Manuel Beiras. A pesar da homenaxe, segue a ser un actor imprescindible na política, e no nacionalismo, galego.
Nenhum comentário:
Postar um comentário