terça-feira, 31 de janeiro de 2012

Pasou o que tiña que pasar

Non houbo empate técnico, mal que lle pese a Beiras. As cousas son como son. A asamblea gañouna a UPG. Gañaron os máis profesionais -no bo sentido-, os máis disciplinados, os máis cohesionados, os que saben deseñar estratexias para este tipo de cousas, os que levan toda a vida gañando asambleas.

E perdérona os menos dedicados, os que teñen menos control do aparato, os máis dispersos, os menos disciplinados, os que teñen máis discurso pero menos capacidade de mobilización, os que levan toda a vida perdendo asambleas.

Gañaron os especialistas en amarrar os partidos da casa, as disputas internas, pero que non son quen, e cada vez menos, de gañar ningún partido fóra. Como non podía ser doutra maneira, gañaron os que teñen os militantes.

Pero perderon os que teñen os votos, ou máis propiamente, os que teñen máis capacidade de captar votos.

Con todo, esta asamblea foi clarificadora. Puxo en evidencia, unha vez máis e debería ser a definitiva, as distancias ideolóxicas, de modelo de país, e de maneira de entender a acción política de uns e outros.

Os que gañaron queren máis esquerda, máis soberanismo, aínda renunciando, a curto e medio prazo, a influír nas institucións -agás en Pontevedra-. 

Os que perderon, xa o dixo Aymerich, queren ter poder, aínda renunciando, ou modulando, boa parte das esencias para adecuarse mellor á realidade sociolóxica, e ideolóxica, do país. 

¿E agora qué?. Semella que seguirá todo máis ou menos como estaba. Non vexo que os que perderon acaben de decidirse a dar ningún paso. Tamén o dixo Aymerich, se nos fosemos agora dentro de tres anos volveriamos a estar xuntos. E fóra, xa o dixemos aquí, fai frío.

Estando dentro e tendo a suficiente paciencia, quizás os que gañaron poidan ter o xesto de cambiar, de aquí aló, de candidato á presidencia da Xunta, para demostrar que non queren acaparalo todo, e de paso, deixar tranquilo a Jorquera onde estaba.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

No faiado