quarta-feira, 1 de fevereiro de 2012

Unha icona histórica en primeira liña

Non abondan os referentes históricos indiscutibles no nacionalismo galego. Pola súa capacidade intelectual e polo seu traballo político, hai dous que sobresaen moi por riba dos demais. Penso que se non admite discusión que Castelao é a figura máis senlleira do nacionalismo ata a metade do século XX, tampouco se debe poñer en dúbida que dende entón ata hoxe ese honor correspóndelle a Beiras. E se hoxe hai alguén que o dubide, a historia encargarase de confirmalo.

As iconas están ben cando non molestan. Para recibir homenaxes a maior gloria dos organizadores, ou para lembrar batallinhas do pasado nos medios. Incluso para teorizar escribindo artigos, canto máis en abstracto mellor. E si se presta a colaborar deixándose utilizar como figura carismática, mellor que mellor.

Pero claro, non é fácil ser figura histórica e seguir na primeira liña. ¿Imaxínanse a Raúl, aquel ex xogador do Madrid, que agora seica está estirando a súa carreira deportiva nun equipo alemán, xogando no Bernabeu e marcando o gol que elimine ao Madrid da Copa de Europa?, non dubiden de que os sinceros aplausos iniciais se tornarían rapidamente en asubíos aínda máis sinceros.

Dende esta lóxica é como se explica a reacción intempestiva que provocaron as intervencións de Beiras na Asamblea, cando por un momento a algúns -que vían fantasmas- lles parecía verosímil que puidese marcar o gol definitivo. Nos momentos decisivos non hai lugar para a nostalxia. O único que importa e gañar o partido.

Supoño que, aínda non sendo quen de marcar o gol do triunfo, sería para el intimamente reconfortante a homenaxe espontánea que ao final lle ofreceron boa parte dos mozos alí presentes. Si, eses que, segundo lin en algún twitter, seica lle aplaudían cando subiu ao atril só por beber auga. E é que, a pesar dos seus 75 anos, bebendo auga ao lado dun micrófono, agora que neses sitios non deixan fumar, tamén resulta difícil de superar.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

No faiado