sexta-feira, 25 de maio de 2012

Eu tamén quero que gañen os dous

Pregúntase Manolo Rivas hoxe en El País, moi ben como case sempre, si se pode ser do Celta e do Deportivo.

Discrepo unicamente no mapa do celtismo/deportivismo que pinta no seu artigo. Basicamente, porque aínda que nos últimos vinte anos o Deportivo, grazas a aqueles anos máxicos de Arsenio, e despois de Irureta, con Bebeto e Mauro Silva, incrementou moi notablemente a súa implantación como equipo de referencia para unha boa parte do país, o certo é que, dende sempre o equipo que realmente se identificaba con Galicia era o Celta.

Hai unha xeración, que viviu a súa infancia no tardofranquismo e no rural, para a que os xermolos da súa conciencia galeguista primeiro, nacionalista despois, foron o Celta e Os Tamara. Naquela época, Ferrol era celtista, o mesmo que Ourense, ou unha boa parte de Lugo, sobre todo Vilalba -si Rivas, en Vilalba o deportivismo é moda recente- ou Monforte. Certo que en Compostela a cousa estaba máis dividida, pero claramente a maioría era tamén celeste. Lugo capital non, Lugo sempre foi máis do Coruña. E Pontevedra, despois daqueles anos gloriosos do !hai que roelo!, tamén acabou sendo deportivista, aínda que eu diría que principalmente anticeltista.

Volvendo á pregunta que hoxe se fai o Rivas, lembro unha daquelas reunións de estudantes con inquedanzas políticas en Compostela, na que o que se consideraba líder ideolóxico do grupo, por suposto nacionalista, intervén nunha discusión futbolística que mantiñan outros dous rapaces. Como non podía ser doutra maneira, empeza por deixar claro que o fútbol non é máis que un instrumento do poder para manter adormecido ao persoal, o consabido opio do pobo, e que a el persoalmente non tiña ningún interese no asunto, pero que o que lle parecía máis de parvos era esa rivalidade futbolística entre persoas que compartindo ideas, ideoloxías e crenzas, só discrepaban na defensa do Deportivo ou do Celta. Que non entendía, dende unha conciencia nacionalista, que non se desexase que gañasen os dous. A resposta dun colega, celtista acérrimo, foi clara: si home si, eu tamén quero que gañen os dous, que gañe o Celta e que gañe o que xoga contra o Deportivo.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

No faiado