sábado, 26 de maio de 2012

Unha banca pública, por fin

Como son as cousas. As forzas de esquerda, tanto as estatais como as nacionalistas, clamando dende hai tempo pola creación dunha banca pública, e vai a dereita e adiantas polo lado de babor.

Ademais, sen reparar en gastos. 19.000 millóns de euros que imos investir na ampliación de capital de Bankia, ou máis propiamente do BFA (Banco Financiero y de Ahorros) que é a sociedade que conforma o SIP derivado da integración das sete caixas de aforro en Bankia (Caja Madrid, Bancaja, Caja Insular de Canarias, Caja Ávila, Caixa Laietana, Caja Segovia e Caja Rioja). A eses 19.000 millóns hai que sumarlle os 4.465 millóns que o FROB tiña colocado xa en Bankia.

En total a broma sairanos por 23.500 millóns de euros. Son cartos, pero por fin teremos un banco público de verdade. Nada máis e nada menos que a cuarta entidade financeira do país.

Ademais, o asunto non quedará aí. Seguiremos nacionalizando. A lo menos Catalunya Caixa e Novagalicia Banco. A única dúbida é si integrar esas dúas entidades no gran banco xa nacionalizado, ou ben nacionalizalas pero deixalas como entidades independentes.

Parece claro que a dereita centralista madrileña está pola primeira opción. De crear un banco público, canto máis grande mellor. Coa integración de Novagalicia Banco e de Catalunya Caixa, Bankia pasaría a ser a primeira entidade do sistema no que se refire ao mercado nacional. Ademais, daríase un sinal inequívoco de ónde está realmente o poder, tanto económico como político. A oportunidade de dar unha lección aos nacionalismos disidentes. Que se amolen os cataláns e que tome nota Artur Mas.

Pero en Galicia tamén goberna o PP. E nuns meses hai eleccións autonómicas. Núñez Feijóo ve na nacionalización de Bankia a solución ao meirande fiasco do seu mandato. Xa reclamou o mesmo trato para Novagalicia Banco. Despois do estrepitoso fracaso do proxecto demencial deseñado polo tándem Castellano - González Bueno, a única posibilidade de que a entidade siga existindo é a nacionalización. Aquelo da entidade galega, forte e solvente pasou á historia. Agora trátase de evitar o peche e o despido dos 6.000 -ou os que queden- empregados. E si se consigue que se siga chamando Galicia o que sexa Banco, mellor que mellor. Ao fin e ao cabo, nestes tempos o que importa é a imaxe. Por certo, aproveitaríamos para cambiarlle o nome e o logo descolorido que agora ten a entidade.

Tamén o nacionalismo, que tanto empuxou -ou colaborou con Núñez Feijóo- para conseguir a fusión que ía dar orixe ao gran banco galego, e que sempre reivindicou un banco público galego, ve a oportunidade de converter en realidade ese seu obxectivo. Cando menos a metade. Porque público poderá ser, galego xa non. Pero chamándolle Galicia o que sexa Banco, disimula bastante.

Como o goberno galego e Núñez Feijóo seguiranse mostrando totalmente submisos aos designios do goberno central, correspóndelles ás forzas nacionalistas de esquerda, coma sempre, defender os intereses do país.

Preparémonos pois para dar a última batalla. ¡Non á integración en Bankia!. ¡Queremos un Galicia o que sexa Banco, nacionalizado pero independente! 

2 comentários:

  1. Insistimos, unha banca pública galega é unha posibilidade, pero nos preferiríamos unha rede de cooperativas de crédito locais e sectoriais, que se xestionen polos seus socios, mais que unha banca pública galega que a fin de contas iba estar en mans do PPPSOE cun paripé no mellor dos casos de algún representante nacionalista ou sindical...
    Coidamos que unha banca pública galega, hoxe en día, coñecendo como coñecemos o percal, corre serio risco de ser unha "Caixa Galicia" ou "Caixa Nova" bis...
    Sabemos de boa fonte que por exemplo a CIG barallou a posibilidade de crear unha cooperativa de creto para prestar servizos bancarios aos traballadores, e isa é a vía pola que apostamos...
    Legalmente abonda cun capital fundacional dus 6 millóns de euros aportados por un mínimo de 150 persoas físicas sin que ningunha poda pasar do 2,5% do capital..., ou un mínimo de 5 persoas xurídicas, (empresas ou preferentemente cooperativas), sin que ninguha poda poseer mais do 20% do capital...
    Para mais detalle na nosa web:
    http://caixanacionaldagaliza.blogspot.com.es/p/normativa.html
    E o mellor exemplo do que decimos é a "Caja Laboral", núcleo financieiro do "Grupo Mondragón"..., e que como sabedes, mantén unha forte vinculación co nacionalismo vasco, (e respeto por todas as nacións do Estado, ate o punto de que os productos "Eroski", son os únicos con rotulación en galego en todo o estado...), e que polo de agora, en proceso de fusión coa tamén cooperativa de crédito, niste caso do sector labrego "Ipar Kutxa", vai safando da tormenta financieira...

    ResponderExcluir
  2. Todos os movementos cooperativos me parecen respectables, cando no admirables. En todo caso, equiparar esa iniciativa ao problema do sistema financeiro parece fóra de lugar. Para finalizar, unha curiosidade: paréceme lembrar que hai un tempo, propugnábades a creación da Caixa Nacional de Galiza a partir da actual Caixa Rural, ¿estou no certo?.
    Saúde,

    ResponderExcluir

No faiado