quarta-feira, 13 de junho de 2012

As consecuencias do rescate en pequenas doses

Malia os esforzos, bastante naif, do goberno por presentar o rescate do sábado en positivo, pouco a pouco vanse filtrando as condicións que a Unión Europea esixirá a España para que finalmente poida dispor da famosa liña de crédito de 100.000 millóns de euros.

En primeiro lugar, a UE esixirá a España que liquide -deixe quebrar- aqueles bancos problemáticos que non representen unha ameaza sistémica. Das catro entidades que de momento necesitan ser reflotadas con recursos públicos, só Bankia representa unha ameaza sistémica. Por tanto, Catalunya Caixa, Novagalicia Banco e Banco de Valencia deberían deixarse quebrar, salvo que sexan quen de presentar un plan de viabilidade crible sen necesidade de recorrer a diñeiro público, cousa que a día de hoxe se antolla totalmente imposible. O argumento é que non se pode utilizar diñeiro público para seguir distorsionando o mercado favorecendo que entidades inviables poidan competir grazas a esas axudas públicas.

Segundo, a débeda pública española viuse notablemente incrementada, a contía dependerá da utilización que finalmente se faga desa liña de crédito, polo que a reacción dos mercados e o incremento que estes días está experimentando a prima de risco é consecuente con ese maior nivel de débeda que acaba de asumir o estado.

Terceiro, é claro que un meirande nivel de débeda pública incrementa o déficit público, pois se como se está a dicir o custe dese crédito estará entre o 3% e o 4%, se finalmente se chega a dispor da totalidade dos 100.000 millóns de euros, o custe anual, grosso modo, serían 3.000 ou 4.000 millóns de euros que computan como gasto público. O argumento de que ese maior gasto público se compensará cobrándolles aos bancos que precisen dese diñeiro un tipo de interese moito máis alto, entre o 7% e o 8%, semella bastante irreal.

Cuarto, parece tamén que ese crédito terá preferencia de cobro sobre os títulos de débeda soberana española, o que contribúe a devaluar aínda máis a nosa débeda pública e, polo tanto, a incrementar o diferencial a pagar en futuras emisións, respecto do bono alemán. Ese diferencial situouse hoxe xa moi preto do 7%. Isto reflíctese tamén necesariamente nunha meirande prima de risco. 

Mentres todos estes asuntos se van filtrando con contagotas á opinión pública, empeza a cobrar forza nos medios internacionais a noticia de que se está preparando xa o rescate de verdade e definitivo para o conxunto da economía española.

Seguramente, farémolo coincidir coa final da eurocopa para así unha vez solucionados xa de maneira definitiva todos os nosos problemas económicos e contribuído a estabilizar a moeda única, poder disfrutar a gusto coa vitoria de la roja.

Um comentário:

No faiado