sexta-feira, 15 de junho de 2012

Cara de cemento

En xeral, o oficio de escribidor de discursos dunha figura pública é ingrato. Máis si ese persoeiro público é un político. Por iso é entendible que os actos cun perfil máis cultural ou máis lúdico e por tanto cun menor contido político, se interpreten como unha oportunidade para virse arriba e aproveitalos para o lucimento persoal do que escribe.

Porén, a quen escribiu o discurso que pronunciou hoxe Núñez Feijóo na inauguración da mostra Gallaecia Pétrea coa que se inician as actividades no Museo da Cidade da Cultura, fóiselle a man.

Non discuto que si se trata de falar da Galicia de Pedra, está ben traído o percorrido dende os petróglifos ata as esculturas de Asorey; ou dende os dolmens á obra de Leiro, Silverio Rivas ou Manolo Paz; entre o faro de Hércules e a muralla de Lugo; entre a Catedral de Santiago e a Ponte Romana de Ourense; entre a Basílica de Santa María e o Castro de Vigo.

Como o intérprete da a talla cando se trata de ler, incluso de escenificar discursos, non pasa nada porque se lle meta unha referencia ao plegamento xeolóxico de Campodola, no Concello de Quiroga, agora que estrea monolito. Dálle un toque de certo nivel cultural e queda ben.

Pero cando di que os galegos somos un pobo cunha faciana pétrea, está claro que deixándose levar pola vena poética, non tivo en conta á hora de escribir os máis que evidentes puntos febles desta frase en boca de político. O noso título non é máis que un exemplo benévolo.

Porque postos a facer prosa poética, había outras opcións, tamén en pedra, quizás máis acaídas. Núñez Feijóo non se corta, e se ten que falar de Celso Emilio, fala.

Longa noite de pedra...

Nenhum comentário:

Postar um comentário

No faiado