quinta-feira, 21 de junho de 2012

Polo camiño da devaluación interna, ¿cara a ónde?

Un mal endémico da economía española é a súa escasa competitividade. Un bo indicador é o saldo comercial. No gráfico 1, móstrase a evolución histórica da taxa de cobertura das exportacións respecto das importacións. En 1986, ano da entrada na UE, as exportacións españolas cubrían só o 77% das importacións. No mellor ano da serie, 1997, a taxa de cobertura chegou ao 85,34%. Dez anos máis tarde, en 2006, en pleno boom económico español acadábase o peor resultado da serie, a taxa de cobertura era do 64,88%. A partir de aí, a medida que fomos afondándonos na crise, prodúcese unha paulatina recuperación da taxa de cobertura ata acadar en 2011 un 82,23%. 

 
Gráfico 1. Evolución da balanza comercial española (taxa de cobertura) 1986-2011.

Esta mellora da balanza comercial en plena crise, é a que anima aos apóstolos das políticas de devaluación interna, que se marcan como obxectivo gañar competitividade a base de reducir os custos internos, en especial os custos salariais. 

 

 
Gráfico 2. Custo por hora de traballo nos países da UE (2010).

Pero si analizamos, no gráfico 2, os custos salariais españois en relación aos dos restantes países da UE, podemos ver que España está por debaixo da media da UE-27 e moi por debaixo da media da zona euro (UE-17). En 2011, o custo por hora traballada en España é de 20,6 euros, mentres que a media UE-27 é de 23,1 euros e a da UE-17 é de 27,6 euros. Por citar algúns países concretos, en Alemaña o custo da hora traballada son 30,1 euros; en Francia 34,2 euros; en Italia 26,8 euros.

Se confiamos en mellorar a nosa capacidade competitiva á redución dos custos internos, nomeadamente os custos salariais, estamos intentando competir cos países que están á dereita de España no gráfico 2: Estonia, Chipre, Eslovenia, Portugal, Malta, República Checa, Eslovaquia, Hungría, Polonia, Romanía, Bulgaria...

Se queremos intentar competir cos países que aparecen á esquerda de España no gráfico 2, só poderemos facelo a través da innovación e o coñecemento.


Gráfico 3. Gastos totais de I+D en porcentaxe do PIB

Pero si analizamos, no gráfico 3, a comparativa dos gastos de I+D en relación ao PIB en España e en outros países do noso entorno, vemos que só superamos a Italia. En España en 2008 o gasto total en I+D era o 1,35% do PIB, mentres que en Italia era o 1,18%. En Portugal, por exemplo, estaban xa no 1,51%. E en Alemaña no 2,63%.

Dende 2008, en España os gastos de I+D foron 1,38% do PIB en 2009, o 1,39% en 2010. En 2011, consecuencia das medidas de austeridade e axuste, os gastos de I+D diminuíron un 4,1% respecto ao ano anterior, o que segundo os nosos cálculos equivale ao 1,30% do PIB.

Así pois, pola senda pola que imos nos últimos anos, con cada vez menos investigación, menos innovación e menos coñecemento, pero tamén, como consecuencia das políticas de devaluación interna, con custos salariais máis baixos, estamos condenándonos a xogar durante moitos anos na terceira división da economía mundial.

2 comentários:

  1. O problema é que o axuste da competitividade mediante rebaixa de custos salariais e máis rápido que mediante melloras de productividade. E aprece que non hai moito tempo... De tódolos xeitos unha mellora da competitividade non significa que todos teñamos que perder salarios, senón que cada un reciba un salario en función da sua producción, melloras na xetión, flexibilidade horaria, incentivos a producción.. son tamén candidatos a melloras de productividade que poden funcionar no curto prazo sen que impliquen unha perda de salarios

    ResponderExcluir
  2. Estou de acordo, tanto en que non hai tempo, como, sobre todo, nas melloras de produtividade que propós. Porén, témome que os apostolos da devaluación interna teñen outros obxectivos... na miña opinión equivocados dende o punto de vista dos intereses de país.
    Saúde,

    ResponderExcluir

No faiado