quarta-feira, 20 de junho de 2012

A renda per cápita en perspectiva

Hoxe a noticia é que España está xa por debaixo da media UE-27 en renda per cápita. Si a media da Unión Europea é 100, España situouse en 2011 en 99. Cinco anos antes, o índice español estaba en 105. É obvio que esta é a consecuencia máis evidente da crise.

Dos países seleccionados no gráfico 1, dende 2007 só Alemaña mellora a súa renda per cápita, pasando de 116 a 120. Francia mantense máis ou menos no mesmo nivel, perdendo só 1 punto, e pasa de 108 a 107. Todos os demais países presentan en 2011 unha renda per cápita inferior á que tiñan en 2007, con caídas moi significativas en Irlanda, Grecia, Reino Unido e Islandia, e en menor medida en España e Italia.



Gráfico 1. Renda per cápita 1995-2011 (UE-27 = 100)

É tamén destacable que dos países seleccionados, só Grecia e Portugal están por debaixo de España en renda per cápita.

Como esta evolución nos últimos cinco anos non debe sorprendernos e ven explicada pola profunda crise que está a sufrir a economía euro, coa excepción de Alemaña, que sen ter resultados espectaculares é certo que capea mellor o temporal, parécenos moito máis interesante, diante destes datos, botar a vista un pouco máis atrás. Pode ter interese analizar a evolución destes países dende 1995 ata hoxe.

 
Táboa 1. Evolución da renda per cápita 1995-2007-2011 (UE-27 = 100)

Mantendo a media da UE-27 igual a 100, dende 1995, Alemaña perdeu 9 puntos; Islandia, 23 puntos; Reino Unido, 5 puntos. Francia, 9 puntos. Italia, 20 puntos. Grecia, 2 puntos. O conxunto de países da zona euro diminúe 6 puntos.

Polo contrario, Irlanda gaña 24 puntos (en 2007 gañaba 45 puntos) e España gana 8 puntos (en 2007 gañaba 14). Portugal está exactamente no mesmo nivel que en 1995, se ben en 2007 gañaba 2 puntos.

Somos conscientes de que cada un destes datos ven explicado por múltiples e diferentes factores en cada caso -burbullas e endebedamento, incluídos-, pero non está demais ter en conta este resultado global cando con tanta frecuencia, nestes tempos tenebrosos, se identifican todos os nosos males coa integración en Europa e na zona euro.

O resumo é que nestes dezasete anos perden os países máis ricos, precisamente aqueles que crearon e impulsaron a Unión Europea -Alemaña, Francia, Italia-, mentres que os países periféricos, en especial Irlanda e España, pero tamén Portugal e mesmo Grecia -que gañaba 6 puntos en 2007- viron mellorada sensiblemente a súa capacidade de xeración de riqueza.

Non deberiamos esquecelo.

4 comentários:

  1. Ben, quizá como medida de capacidade de xeración de riqueza sería mellor empregar o indicador PIBpm antes que a renda dispoñible. A saída de rendas de Irlanda cara os EUA ou a entrada neta de fondos europeos cara Estados como España alteraran algunhas destas cifras de forma importante. Por outra banda cumpriría ter en conta a evolución demográfica dos distintos Estados para ver en que medida a variación da renda per cápita arredor da media europea se debe a variacións na poboación, sexa nacional ou inmigrante.

    ResponderExcluir
  2. En realidade, falamos de PIB per capita, non de renda dispoñible (datos eurostat). En segundo lugar, aínda que en Galicia si converxemos por diminución do denominador, no conxunto de España, nos anos analizados, o crecemento da poboación foi moi notable.
    Grazas. Saúde,

    ResponderExcluir
  3. Grazas. Daquela conviría corrixir os pés de foto pola variable correcta. Canto ao segundo argumento sobre a poboación española, habería que ter en conta que nos últimos anos o crecemento ralentizouse enormemente coa marcha de moita xente que antes era inmigrante, e porén iso non se traduciu nun crecemento ou mantemento dos indicadores per cápita, que seguiron caendo.

    ResponderExcluir
  4. Concordo nas dúas cuestións. A primeira tiña a intención de facelo máis intelixible para os non expertos. Respecto á poboación, deixou de medrar, pero aínda non houbo un descenso en termos absolutos...
    Moitas grazas. Saúde,

    ResponderExcluir

No faiado