sábado, 21 de julho de 2012

¿Hai risco de rescate para Galicia?

Intúese que o asunto estrela do goberno de Núñez Feijóo na inminente campaña electoral para as eleccións autonómicas, a falta doutros logros dos que presumir, vai ser a súa boa xestión económica, ou máis propiamente a xestión da austeridade, nesta lexislatura.

Centraranse exclusivamente nas cifras de déficit público. Efectivamente, como se ve no gráfico 1, Galicia é despois de Madrid, a comunidade autónoma que presenta a mellor cifra de déficit. Con un -1,61% Galicia está, de momento, preto do obxectivo de déficit para 2012, cifrado en -1,5%. Non cabe dúbida que este é un bo dato.

 

Gráfico 1. Déficit público por comunidades autónomas en porcentaxe do PIB (2011).

Sen embargo, agora que a Comunidade Valenciana acaba de pedir o rescate porque non pode facer fronte á devolución da débeda, parece procedente analizar a evolución histórica da débeda pública en Galicia, e cál é a situación actual.

O gráfico 2 mostra cál foi a evolución da débeda pública galega dende 1995, dato máis antigo que puidemos rescatar do Banco de España, ata a actualidade. Nestes dezasete anos a débeda incrementouse en 5.241 millóns de euros. O que supón un incremento do 245%.

Gráfico 2. Evolución da débeda pública de Galicia, 1995-2012 (millóns de euros).

En 1995, Galicia tiña unha débeda pública de 2.140 millóns de euros que equivalían a un 8,5% do PIB. Naquel momento era, despois de Navarra, a comunidade autónoma máis endebedada do estado. Dez anos despois, en 2005, a débeda de Galicia ascendía a 3.381 millóns de euros, o 7,3% do PIB. Así pois, nos últimos dez anos de goberno de Fraga Iribarne a débeda incrementouse en 1.241 millóns de euros, un 58%, é dicir, un incremento medio anual do 5,80%. É de destacar, sen embargo, como se ve no gráfico 3, que neses dez anos, a débeda en porcentaxe do PIB diminuíu dende o 8,5% ata o 7,3%, situándose Galicia en 2005 como a terceira comunidade máis endebedada por detrás de Cataluña (8,6%) e Comunidad Valenciana (11,8%).

 

Gráfico 3. Débeda pública por comunidades autónomas en porcentaxe de PIB, 1995 e 2005.

En 2005 o PP perde o goberno en favor do goberno de coalición PSOE-BNG que preside Pérez Touriño. Nos catro anos de goberno bipartito a débeda da comunidade autónoma creceu dende os 3.381 millóns de euros ata os 4.282 millóns de euros. Un incremento de 901 millóns de euros. É dicir, a débeda nestes catro anos medrou un 26,65%, o que equivale a un incremento medio anual do 6,66%. Deste xeito, en 2009 a débeda de Galicia equivalía ao 7,7% do PIB e era a sexta comunidade máis endebedada, por detrás de La Rioja (7,8%), Castilla La Mancha (10%), Baleares (11,4%), Cataluña (13,2%) e Comunidad Valenciana (14,3%). Véxase o gráfico 4.
 

Gráfico 4. Débeda pública por comunidades autónomas en porcentaxe de PIB, 2009 e 2012.

En 2009, gaña as eleccións o PP con Núñez Feijóo. Nestes tres últimos anos, a débeda pasa de 4.282 millóns de euros a 7.381 millóns de euros. O que supón un incremento de 3.099 millóns de euros, un 72,37%, cun incremento medio anual do 24,12%. De maneira que agora mesmo, a débeda de Galicia equivale ao 12,8% do PIB, sexta comunidade máis endebedada por detrás de Navarra (14,5%), Castilla La Mancha (16,6%), Baleares (16,7%), Comunidad Valenciana (20,2%) e Cataluña (21%). Véxase outra vez o gráfico 4.

Resumindo, mentres que o goberno bipartito de Pérez Touriño mantivo o endebedamento, en porcentaxe de PIB, practicamente no mesmo nivel que nos dez anos anteriores de goberno de Fraga Iribarne, os tres anos de austeridade e solvencia económica do goberno de Núñez Feijóo, tradúcense nun incremento de máis de 1.000 millóns de euros de débeda por ano. Así, en tres anos o endebedamento da comunidade medrou o equivalente a 5 puntos do PIB.

2 comentários:

  1. Parece que fronte a situación de inestabilidade económica que vivimos dende o ano 2009, a facenda galega mantén unha robustez importante. Agora, habería que preguntarse se isto se poida deber a unha xestión eficiente ou, máis ben, a unha estructura de gastos cun compoñente de gasto social e demáis estabilizadores automáticos menos presentes que noutras comunidades autónomas.

    ResponderExcluir
  2. Esa robustez, que en relación a outras comunidades autónomas é certa, xenera a débeda que analizamos aquí. Galicia pechou o ano 2010 cun déficit de -2,38% do PIB. En 2010 o PIB de Galicia foi 56.283.621.000 euros, polo que só nese ano tivo que endebedarse en 1.339.550.179,8 euros. 2011 pechouse cun déficit de -1,61% do PIB (57.270.183.000 euros), necesitando endebedarse en 922.049.946,3 euros para poder facer fronte ao gasto público. E así como, ano tras ano, se foi xerando a débeda.
    Saúde,

    ResponderExcluir

No faiado