Que Núñez Feijóo non as ten todas consigo demóstrao o intento de enredar co número de deputados que conforman a cámara galega. O avanzar nesa proposta xogaba a favor de non adiantar a convocatoria electoral.
Finalmente, sen embargo, hoxe aparcou esa idea de modificar a composición do parlamento e decidiu convocar para o 21 de outubro. Na nosa opinión por tres motivos.
O primeiro, a redobrada política de axustes duros, en recortes sociais, en impostos e en emprego, que o goberno central terá que adoptar como consecuencia do inminente rescate da economía española por parte das autoridades europeas. Seguramente, o máis penoso do que nos espera se producirá nos dous últimos meses deste ano e no primeiro semestre de 2013.
O segundo motivo é que pensa que a día de hoxe pode presentar un bo balance de xestión no que é o desolador panorama autonómico español. Efectivamente, Galicia é a comunidade con menos déficit público e aínda que a débeda se disparou nesta última lexislatura, como xa temos analizado aquí, as cifras globais son máis que aceptables si se comparan coas de outras autonomías. Nesta nova maneira de entender a política económica, que consiste en levar ben as contiñas, como se dunha economía familiar se tratase, e con algo de enxeñaría contable, pode ser suficiente. Terá que selo, porque non hai máis. A destrución de emprego medrou a maior ritmo que a media española, a evolución do PIB foi, na segunda metade da lexislatura, tamén peor que a española, a política industrial non existiu máis que para repartir algúns cartos discrecionalmente entre algunhas empresas, o esforzo en I+D reduciuse moi considerablemente a respecto da lexislatura anterior, o mesmo que os gastos sociais. Ademais de todo isto, está o aínda non explicado estrepitoso fracaso da fusión das caixas de aforros, asunto no que este goberno se ten implicado tanto.
A terceira razón, pensamos que determinante á hora de decidir este adianto electoral, é a situación dos partidos da oposición, aos que pilla co pe cambiado.
O PSOE cun líder de circunstancias en Galicia, pensando en promover un proceso de primarias -que xa non poderá ser- para valorar a posibilidade de presentar ao ex ministro Blanco, a pesar de seguir imputado, non lle queda outra que consolidar a Pachi Vázquez como candidato á presidencia da Xunta. Non é un bo candidato.
O nacionalismo esnaquizado en non se sabe cantos grupos, despois das escisións do BNG a raíz da última asemblea, e debatendo sen fin as posibles políticas de alianzas entre eles. Alianzas que, en termos electorais, ou pasan por reeditar unha fronte ampla de todo o nacionalismo, ao estilo do que viña sendo o BNG, ou conducirán ao fracaso.
As incertezas veñen, sobre todo, de si a evidente subida en votos de Izquierda Unida vai ser suficiente para superar o 5% que lle dea acceso ao parlamento, e do impacto que poden ter nos resultados do PP as novas opcións que explotan o desencanto, cando non a desesperación da cidadanía, como son UPyD ou ese novo invento de Mario Conde.
Polo demais, o PP parte coa avantaxe dun candidato ben valorado e moi pouco desgastado pola acción de goberno, e o apoio que supón un poder municipal máis amplo que nunca. O de ter o goberno de Madrid, a estas alturas xa non se sabe si é un activo ou lastre.
Así está a cousa.
Iso parece Andrés, pero aínda é cedo para telo tan claro. Por certo, Fraga daquela xa tiña un pe máis dentro que fóra, non é?
ResponderExcluirSaúde,