domingo, 26 de agosto de 2012

A luz das universidades e as nóminas que pagan

Hai tempo que veño lendo nas páxinas de opinión de LVG a Bermejo Barrera, José Carlos. Catedrático de Historia Antiga na Universidade de Santiago de Compostela, e dende hai un tempo opinante profesional. Entendendo que, en xeral nas universidades, e na Universidade de Santiago de Compostela en particular, haberá moitas cousas que criticar, sorprende, sen embargo, o seu teimudo e monocorde discurso, demoledor e destrutivo, a respecto de todo o que teña que ver coa universidade. E se é coa súa propia, peor. 
 
Máis que polas cousas que di, e pola autoridade moral que pode ter para dicilas, chama a atención o desapego, bastante común na función pública, que mostran moitos dos seus profesionais a respecto da institución que lles paga. 
 
Porque ao señor Bermejo quen de verdade lle paga é a Universidade de Santiago, non LVG. Cabería esperar, pois, que mostrase algo máis de lealdade á institución da que vive. En calquera actividade privada actitude semellante sería impensable. ¿Imaxínase o amable lector o que sucedería co posto de traballo e coa correspondente nómina, daquel técnico cualificado de Inditex, Citroën, Gadis ou Jealsa, que se permitise denigrar á súa propia empresa, un día si e outro tamén, nun medio de comunicación?. 
 
Esa defensa de posicións destrutivas e contaminantes por parte dos propios membros da institución, chámese universidade ou calquera outra entidade pública, só se explica porque o éxito profesional individual non depende do bo facer e dos éxitos da institución. Efectivamente, un investigador brillante pode triunfar aínda que a súa universidade sexa un fracaso colectivo. Sempre haberá institucións, públicas ou privadas, dispostas a fichalo. Pero iso só se cumpre no caso de investigadores prestixiados. Lendo o currícula do sr. Bermejo Barrera, semella que non é caso. Nin moito menos. Polo tanto, el ampárase única e exclusivamente niso que tanto denosta, o estatus de funcionario. 
 
Por iso estraña máis a súa crítica acerba a todo o que soe a universidades. En particular á Universidade de Santiago de Compostela. Hoxe, nun artigo que titula "La universidad de pocas luces", céntrase en ridiculizar os esforzos que a institución que lle paga está a facer para reducir custos que lle permitan seguir aboándolle a nómina. Non sei se as medidas que está adoptando a universidade son sensatas ou non. 
 
En calquera caso, si sería desexable un pouco máis de pudor, porque entre todos, están empezando a facer boa aquela histórica pintada, de cando andabamos polas aulas composteláns, que aseguraba que a universidade que da máis luz é a que arde.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

No faiado